Morre Delfina Lores, muller valente e nai do alcalde de Pontevedra

M.H. / M.G. PONTEVEDRA

OBITUARIOS

RAMON LEIRO

Tiña 93 anos e levaba varios días hospitalizada

03 oct 2019 . Actualizado a las 22:41 h.

Posiblemente, Delfina Lores, que faleceu en Pontevedra aos 93 anos de idade, estaría orgullosa de que a súa faceta máis coñecida fose a de nai. Porque ela era a nai de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e tamén de Roberto Fernández Lores, músico e político en Sanxenxo no seu día. 

Pero Delfina, nai moi querida, foi tamén unha muller valente e traballadora. Era natural de Vilalonga, en Sanxenxo, onde a coñecían como Fina do Carballal, polo sitio no que residía. Como tantas mulleres do seu tempo, foi un exemplo de persoa traballadora. Cosía e gañaba o pan tamén na agricultura. Enviuvara hai xa algúns anos. E, este mércores, en Vilalonga, os seus veciños recordábana da mellor das maneiras, como unha «boa persoa». 

Delfina Lores, que lle deu o famoso apelido ao alcalde pontevedrés (o primeiro, Fernández, é o que menos emprega), estaba moi unida ao rexedor. Tiña 93 anos e ata hai pouco mantiña unha das súas principales afeccións, a lectura diaria da prensa. O seu estado de saúde empeorou hai uns días e estivo hospitalizada. De feito, o propio alcalde contou que levaba unhas noites durmindo no hospital con ela. Será velada no tanatorio de Gondar, en Vilalonga (Sanxenxo).