Adeus ao primeiro presidente do parque natural das Illas Cíes

xan silvar

OBITUARIOS

José Curt Martínez (Cádiz, 1937-2019) fue un «exiliado sentimental de Galicia»

23 ago 2019 . Actualizado a las 13:50 h.

Hai grandes persoas, persoas grandes e xentes que ambas cousas son. Así era José Curt Martínez, un «exiliado sentimental de Galicia», como se declaraba en 2007 nas páxinas de La Voz de Pontevedra. Foi un colaborador habitual nas páxinas deste xornal.

Finou o mércores, causando baixa -seguro que moi ao seu pesar- este home vital, declarado «fillo natural de Cádiz e artificial de Galicia», que exerceu de intendente da Armada e de observador sensible nas andainas das súas dúas décadas galegas. Ademais de fino naturalista, foi xeneroso co seu saber. Libros da serie Galicia viva como Fauna gallega espertaron ou alentaron vocacións cunha escrita amena e directa, que descubría tamén a realidade humana dun mundo rural cambiante que Curt soubo, necesitou, captar.

Todo o seu coñecemento outorgoulle recoñecemento e respecto xeral, sendo nomeado como primeiro presidente do parque natural das Illas Cíes a inicios dos anos oitenta. Mantivo o vencello galego nos últimos anos, paseando a Frouxeira ou visitando o Museo de Historia Natural de Ferrol, sempre na compaña dos amigos.

Natureza e xente, un binomio que a súa formación científica soubo ver nas corredoiras, para recollela nas súas páxinas.