Unha das cousas que máis se comentan deste Mundial é a permisividade dos árbitros ante o xogo físico e, de vez en cando, ante as patadas aos nocellos. Nos últimos partidos da selección española púidose ver moi enfadado a Pedri pola compracencia arbitral cos defensas, que parece que lle colleron gusto a atinarlle nas canelas. Seguramente non atopan moito máis xeito de quitarlle o balón, pero que culpa ten o pobre canario diso?
A realidade é que o fútbol gañou moito cando se desprendeu polo menos un pouco daquela capa de violencia e cazurrismo que se estilaba en tempos. O Mundial de 1962, disputado en Chile, é quizá o menos épico e comentado da historia. Quedará para posteridade por dous partidos bautizados coma nun atlas bélico, que dan a medida das animaladas que se consentían: «A batalla de Santiago», entre Chile e Italia, e «A guerra de Arica», da URSS contra Iugoslavia.
Vinte anos despois viuse unha das imaxes máis icónicas dos Mundiais, a entrada criminal do porteiro alemán Toni Schumacher sobre o francés Battiston. Cando The Observer fixo no 2002 unha lista coas cinco peores sachadas da historia, a de Schumacher quedou primeira. O vídeo impresiona: Platini traza un pase sobre Battiston, que corre tras da pelota ata a frontal da área. Schumacher sae correndo cara a el, salta e, aínda que aparta os xeonllos, acaba impactando contra a cara de Battiston, que queda inconsciente. Peor é o de despois: mentres os masaxistas tentan reanimar ao francés, Schumacher fai virguerías coa pelota e provoca aos seareiros galos.
Non teño un recordo directo daquel partido, era eu moi novo. Do que si que me lembro é de ler con turbación o libro Tarjeta roja, edición do Círculo de Lectores, no que Schumacher narraba as escuridades interiores, sexo e dopaxe incluídos, do fútbol alemán. Demasiado para min na época, supoño.