Juan José López Muñoz: «Á minaría interésalle ser sostible pola súa supervivencia»

MERCADOS

MARCOS MÍGUEZ

A Cámara Oficial Mineira de Galicia incorpórase ao padroado da Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga), buscando progresar na formación e innovación do sector, propiciando sinerxias con outros ámbitos aos que aportan recursos naturais, nunha cadea de valor cuxa relevancia suliña o seu presidente. A entidade presenta ademais o 3 de outubro en Santiago a súa Oficina de Impulso de Proxectos Europeos

24 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan José López Muñoz (Santa Comba, 1972) preside dende hai dous anos a Cámara Oficial Mineira de Galicia. Un sector no que suliña o seu efecto multiplicador, polas cadeas de valor que xera.

—Quen integra a cámara e cales son os seus obxectivos?

— A Cámara é un organismo de dereito público, sen ánimo de lucro, que fundamentalmente potencia e desenvolve a industria mineira no seu conxunto; similar a unha Cámara de Comercio, pero focalizada só na industria mineira. Está integrada por empresas, e tamén por clústeres ou colexios profesionais e traballadores. Non é unha asociación empresarial, é sectorial, da industria. ¿Obxectivos? O fomento da actividade mineira, a innovación e formación para potenciar sobre todo o desenvolvemento dunha minería sostible en Galicia, coa máxima seguridade para as persoas, para os bens, e con respecto ao medio ambiente e ao entorno económico-social, pero vinculado ás cadeas de valor. Porque nós non estamos simplemente na mina, senón que estamos nas cadeas de valor, e por iso vén este afán por entrar en Feuga.

—Explíqueme a que cadeas de valor se refire.

— A industria mineira non é simplemente unha actividade extractiva; tamén son os talleres e empresas que lle dan valor a ese material que sae da mina. Por exemplo, en áridos unha canteira sácaos, pero está logo a planta de formigón que traballa con eles, e a empresa de prefabricados que fai pezas. A industria mineira é o conxunto. Interésanos esa integración co resto do tecido industrial: nós somos os provedores de materias primas para facer esas cadeas de valor.

—Galicia é a cuarta comunidade de España en produción mineira. Cales son as cifras do sector neste momento?

—Hai unhas 200 explotacións en activo, e en postos directos falamos en torno a 4.000 persoas; con indirectos poderíamos chegar aos 10.000. Pero está ese efecto multiplicador da minaría: no exemplo dos áridos e prefabricados, a partir dunha mina pode chegarse a 80 postos de traballo, que non se contabilizan como minaría.

—É a minaría unha actividade sostible?

— A actividade mineira está hoxe sometida a esixentes requisitos legais, que procuran que esta actividade se configure, en primeiro termo e xa como dende o século XIX, en seguridade para os traballadores. E tamén para o medio ambiente e o entorno, cada vez máis. Son actividades que se ben hai 40 ou 50 anos non tiñan tanta regulación como teñen agora mesmo, hoxe están suficientemente controladas polas administracións públicas, de tal modo que tamén as empresas, polo seu propio interese na continuación da actividade, pola súa supervivencia, van cada vez cara a actividades máis sostibles, tanto co medio ambiente como cos entornos socioeconómicos.

—Por que se incorpora a cámara ao padroado de Feuga?

— Feuga para nós é a Universidade, o espazo para a interrelación público-privada onde nos relacionaremos coa universidade, e simplificaremos enormemente a relación coas tres universidades galegas, en concreto cos preto de 80 grupos de investigación que teñen. Nós, a través do padroado de Feuga, podemos facer propostas de demandas formativas que vemos que necesita a nosa industria, que non son tan diferentes a outras: falamos de automatismos, de eficiencia enerxética... E ímoslle axudar nesta dirección: a universidade non ten por que innovar con fins finalistas, e nós o que pretendemos aportar é esa finalidade, é coordinarnos cos grupos de investigación para dirixila a onde a necesitamos xa. Buscamos en Feuga fundamentalmente formación, innovación e capacitación de xente, xente con habilidades que necesitamos na industria.

—Tamén colaborará Feuga en materia de emprego?

—Feuga ten acceso a máis de 17.000 perfís de técnicos recén titulados nas universidades galegas e de ciclos de FP. A través do portal de emprego que lanzará a cámara para captar talento, un site personalizado por Feuga e con conexión directa a teujob.es, poderemos conectar oferta e demanda de perfís especializados.

 —Xunto coa integración en Feuga, a Cámara que preside crea unha Oficina de Impulso de Proxectos Europeos...

— Como no resto de sectores, a industria mineira tamén necesita ese apoio público e aunar esforzos a nivel europeo para innovar e mellorar o seu desenvolvemento. Esta oficina é unha encomenda que nos fai a Xunta para intentar armar proxectos interesantes a nivel europeo, para poder captar fondos, sobre todo en innovación. Estes contarían con socios de diversos países, como Portugal ou Francia, centrados en proxectos Interreg. O obxectivo desta oficina é ir por iniciativas con financiamento europeo, sobre todo para innovar na investigación do aproveitamento dos recursos minerais. Vaise presentar o 3 de outubro na sede da Axencia Galega de Innovación, e pretendemos que asistan a maior parte de organismos intermedios e clústeres posible, porque necesitamos que se integre no resto do tecido industrial, para que saiban o que nós estamos producindo, e que se nos diga o que necesitarían que produzamos, para artellar así proxectos conxuntos. Hai exemplos de xente que compra materias primas de fóra e hainas aquí substitutivas moito máis baratas. O que buscamos é ese entorno de colaboración.

—E Feuga será un actor clave?

— A experiencia de Feuga no ámbito europeo é fundamental. A súa presenza en Bruxelas para nós é interesantísima.