Xabier Labandeira: «A enerxía eólica non é a única solución, pero si moi necesaria»

MERCADOS

Consello da cultura galego

Experto en materia medioambiental, membro do panel que asesora á ONU sobre cambio climático, cre que na comunidade queda traballo por facer por unha falta de visión estratéxica para prever os impactos das políticas climáticas sobre o tecido produtivo. O catedrático di que é o momento de sacar toda a potencialidade de Galicia e advirte de que non implantar renovables polo impacto que poden xerar as tecnoloxías acaba tendo un custe maior

19 jun 2022 . Actualizado a las 14:11 h.

Xavier Labandeira (Vigo, 1967), experto do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU e catedrático de Economía da Universidade de Vigo, aposta porque esa teoría proactiva do Goberno galego coa acción climática pase á práctica. Cre que hai potencialidade, recursos naturais e capital humano para facer esa transición cara a economías descarbonizadas. E pensa que o cidadán debe xogar un papel central neste proceso de cambio ao que Galicia, di, aínda está a tempo de chegar.

—Acaba de participar no Libro branco da reforma tributaria, como de urxente é esa reforma na fiscalidade medioambiental?

—Creo que o capítulo ambiental do libro branco deixa claro que se trata dunha actuación moi prioritaria. En España temos problemas ambientais xeneralizados e compromisos internacionais moi estritos en moitos campos onde non se observa unha progresión axeitada. Por suposto este non é momento de elevar estes tributos, dada a situación explosiva dos mercados enerxéticos, pero en canto pase esta crise deberían considerar accións na fiscalidade ambiental.

—Temos tecnoloxía para reducir emisións. Por que non se aplica?

—En grande parte precisamente porque non hai os incentivos axeitados: as tecnoloxías limpas emerxentes aínda non son competitivas en custos coas tecnoloxías sucias e por tanto non hai motivos para o seu desenvolvemento e implantación. Precisamente esta é unha das razóns máis importantes para a fiscalidade ambiental: ao incorporar os custos ambientais das tecnoloxías sucias fai ás limpas máis atractivas e permite o seu desenvolvemento e implantación máis rápido.

—Da a sensación de que a crise climática nunca é unha prioridade para o goberno. Queda tempo para cumprir as esixencias internacionais?

—Eu creo que si observamos un cambio de prioridades no actual goberno con respecto a estas cuestións: nos últimos anos tense seguido unha actuación máis proactiva interna e internacional. Temos uns obxectivos ambiciosos, en liña co marcado pola UE e un marco regulatorio máis preparado do que tíñamos hai cinco anos. Ás veces sorprende o alonxadas que están as políticas públicas de curto e medio prazo dos grandes e ambiciosos obxectivos a longo. En España isto é particularmente preocupante no transporte, onde quizais teñamos problemas para cumprir cos estritos obxectivos a medio prazo por desidia e insuficiencia regulatoria de décadas.

—Cales son os maiores hándicaps para ese crecemento da chamada economía verde?

—Eu creo que ser quen de avanzar ante as reticencias de boa parte da poboación. O cidadán é central para todo e por tanto a súa actitude como votante, consumidor ou investidor espoleará ou retrasará a transición.

—Son cambios que afectan ao peto de cidadán, pero beneficiosos a longo prazo. Que propón?

—O cidadán ha de xogar un papel central en todo o proceso e ten que ter os incentivos axeitados para iso. As subvencións xeneralizadas ao consumo de combustibles fósiles non teñen sentido: non dan a mensaxe acertada. Debemos manter os sinais necesarios para o cambio, centrando as compensacións nos sectores económicos que non poden adaptarse ao shock de prezos e nos fogares vulnerables.

—¿Qué custe económico ten esta reforma tributaria?

—Elevar os prezos dos produtos para incorporar os custos ambientais ten obviamente maiores custos para fogares e empresas, pero é algo totalmente necesario para tomar decisións compatibles coa sustentabilidade. En realidade estamos facendo visibles custos sociais que xa existían e que non estaban sendo computados.

—A fiscalidade ambiental e o cambio climático están nos programas da maioría dos partidos, pero o vaivén do poder fai que pasen a un segundo plano pola falta de rendibilidade política. Que urxe?

—Non todos os partidos son iguais neste ámbito: algúns dan máis importancia a este asunto ca outros e hai algún claramente escéptico. No que si hai bastante coincidencia é na dificultade de todos para aplicar medidas impopulares pero necesarias. É algo lóxico porque os políticos dependen dos seus votantes e o seu horizonte temporal é curto. No caso galego temos, desafortunadamente, moito por facer: a administración pública galega é en teoría proactiva coa acción climática pero a praxe diaria e a medio prazo está moi lonxe do necesario. Baixo o meu punto de vista aquí faltou visión estratéxica para prever impactos considerables das políticas climáticas sobre o noso tecido produtivo (As Pontes ou sectores electrointensivos) e, de xeito relacionado, apostar con moita máis intensidade polos sectores e tecnoloxías compatibles coa descarbonización. E isto sucede nun país con grandes potencialidades neste campo, tanto en capital humano como en recursos naturais aptos para esa transición.

—A instalación de parques eólicos está en primeiro plano. Como de importante son estas enerxías renovables?

—A enerxía renovable, e a eólica en particular, é completamente necesaria para chegarmos a economías descarbonizadas. Non é a única solución pero si é moi relevante e necesaria. Escudarse nos impactos negativos destas tecnoloxías para frealas fai esquecer algo moi relevante: o custo de non implantalas é moito maior. Trátase de tecnoloxías que deben buscar minimizar impactos: desde logo nunca instalalas en zonas de alta riqueza ambiental. Unha boa opción, neste senso, pode ser a eólica mariña, na que Galicia pode ter moito a aportar desde un punto de vista enerxético e industrial.