«As cabezas máis potentes da micoloxía en España son femininas»

A. F. C.

MERCADOS

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Na micoloxía, como ciencia, hai moitas mulleres», comenta Marisa Castro. Non era así cando ela empezou: «Daquela sempre dicía que era ‘bendita entre todos os homes'. Era moi noviña e todo eran facilidades. As trabas viñeron na universidade, e non só de homes... pelexar por unha praza, daba igual homes ou mulleres. O mundo da botánica é moi feminino, nós somos moi constantes, moi traballadoras, e iso os homes non o levan ben, eles son máis de organizar». En todo caso, resume, «hoxe, as cabezas máis potentes da micoloxía en España son femininas».

—A súa foi a terceira tese sobre micoloxía en Galicia.

—Si, no 1980 só había unha tese de doutoramento realizada en Galicia, polo veterinario madrileño Mariano García Rollán. Despois foi a de Luís Freire, o meu mestre e compañeiro, e logo a miña. Ata agora presentáronse dez teses doutorais e hai outras cinco en realización, sen contar as de licenciatura e traballos de fin de grao e mestrado.

—En Galicia van 60 anos de divulgación micolóxica...

—Fomos a comunidade que mellor o fixo, con pequenos grupos, sempre ligados a persoas. Pero cando esa persoa falece non seguen adiante... Temos o Grupo Micolóxico Galego e a Sociedade Micolóxica Lucus. Teñen cadansúa revista, a do Grupo Micolóxico Galego leva desde 1998, cen por cen en galego, distribúese por todo o mundo. É unha teima miña, facer país, a lingua val para falar de ciencia. A maioría das asociacións non teñen dedicación tan fonda á investigación, por deberíanse chamar micofílicas, non micolóxicas.

—Que é un miconaturalista

—A micoloxía é unha ciencia. Por beber viño non es enólogo, por coller setas non es micólogo. Un micófilo ou miconaturalista, por non chamarlle ‘come-setas', é unha persoa que sabe identificar unhas cantas setas. Iso non é investigación, igual que un paxareiro non é ornitólogo.

—Parece difícil inculcarlle á xente que non se poden coller setas nun monte alleo.

—Aí é onde entra a divulgación científica, que non se pode limitar a ‘esta seta cómese ou non'. Ten que tratar tamén as funcións, de quen é a propiedade e como se pode aproveitar, que interese ten o aproveitamento feito doutra maneira.