Isidro Fernández de la Calle: «Fibra Max poñerá a Galicia no primeiro lugar mundial»

MERCADOS

VÍTOR MEJUTO

R está a acometer unha das súas maiores transformacións coa instalación de fibra óptica de máxima calidade, ao que se suman os nos novos servizos de intelixencia artificial que está a ofrecerlle ás empresas para mellorar o seu rendemento e a actualización das redes que tivo que acelerar durante a pandemia.

11 jul 2021 . Actualizado a las 08:39 h.

A pandemia supuxo un enorme desafío para as operadoras de telecomunicacións. Un reto que R soubo converter en oportunidade ata o punto de duplicar a capacidade das súas redes nun proceso xa previsto, pero que tivo que acelerar. E fíxoo tamén nun momento de transformación, no que a compañía galega se adaptou para incorporar a intelixencia artificial aos seus procesos e ofrecer este servizo aos seus clientes para que as empresas poidan mellorar o seu rendemento e a explotación dos seus recursos a partir da análise e interpretación dos datos. E fixérono a través de BAI Analitycs, o equipo especializado de R e o Grupo Euskaltel en intelixencia artificial. A estes desafíos engádese o cambio actual no que está inmersa a empresa para levar aos fogares e ás empresas Internet de máxima calidade a través da fibra óptica. «Estamos fronte a un fito histórico», asegura Isidro Fernández de la Calle, director de empresas en R e o Grupo Euskaltel.

-Como está R a responder a este proceso actual de transformación dixital acelerada?

-R naceu hai máis de 20 anos cun obxectivo clarísimo de dotar as empresas galegas da maior tecnoloxía para garantir a súa competitividade en calquera mercado e en calquera lugar do mundo. Somos os únicos que aquí temos simultaneamente unha rede de fibra óptica e un data center preto para que as empresas poidan ter infraestruturas de sistemas para acceder á nube. De xeito natural tamén chegou logo o mundo do dato coa incorporación de varias plataformas de Big Data e nesta última etapa pois temos dado o salto creando unha unidade específica dentro de R para o tema da intelixencia artificial coa creación de BAI Analytics. O que buscamos é axudar ás empresas a ter esa última capa de valor para sacar do dato información e transformación dos seus modelos de negocio.

-Cada vez existe unha preocupación maior pola protección dos datos. Como responden vostedes para reforzar esa seguridade?

-Empezamos primeiro por concienciar, por informar as empresas galegas e os nosos clientes dos riscos que existen e do que podemos facer para obter o máximo nivel de seguridade. Segundo, e moi importante, vimos de incluír nos nosos produtos para pemes a seguridade de serie, porque entendemos que se hoxe en día ninguén contempla mercar un coche que non ten ABS ou airbag, os operadores de telecomunicacións temos que incorporar de serie esas pezas de seguridade que son básicas na nosa oferta.

-Están a facer a transformación para incorporar fibra óptica de máxima calidade. Como vai o proceso e en que medida notarán ese cambio os seus clientes?

- Estamos fronte a un fito histórico, absolutamente. Pero non só para R, senón tamén para Galicia. Este proxecto é semellante ao que aconteceu cando R chegou ao mercado e no que se puxo as persoas e as empresas de Galicia no primeiro nivel mundial en canto a infraestruturas de telecomunicacións. Este proxecto, que nós coñecemos como Fibra Max, vén traer unha nova infraestrutura a Galicia para poñela de novo no primeiro nivel mundial. É un proxecto que xa empezou, que estamos a despregar e xa hai clientes que teñen este servizo.

-Pero qué vantaxes ofrece?

-Que implica para os clientes? Pois van ter unha rede de última xeración con velocidades de ata 10 xigabites por segundo. E, ademais, imos cambiar os equipos, o enrutador (router) co que ten Internet e o descodificador de televisión, para poñelos tamén no último nivel tecnolóxico. Teremos wifi-6 incluído por defecto, para todos eses enrutadores, o que mellora notablemente a experiencia do usuario en Internet, e descodificadores 4K preparados para traballar tamén sobre esa nova infraestrutura de fibra. Faremos o cambio a todo os clientes un por un e o servizo será gratuíto.

-Como poden beneficiarse as empresas dos seus servizos de intelixencia artificial?

- Eu creo que nós o que aí podemos aportar ás empresas é axilidade. Axudarlles a que fagan esta transformación máis rápida. Por que? Porque vimos de facela nós mesmos. No último ano temos cambiado unha parte importante do noso modelo de negocio desde unha estratexia de xestión do dato, digamos que convencional, a unha xestión dese dato con modelos de intelixencia artificial. Para facer esa transformación tivemos que seleccionar a mellor tecnoloxía, coller as mellores persoas e pasar por ese proceso de cambio. Esa tecnoloxía, eses equipos de persoas e esa experiencia é o que poñemos a disposición das empresas para que elas mesmas poidan facer ese proceso de transformación moito máis rápido. Hai moitos casos de uso con tempos de implantación relativamente curtos e retornos de investimento moi importantes.

-Como está a ser a resposta?

-Moi boa. Empezamos a levar esta experiencia ás empresas e esperabamos que fora unha aposta de longo prazo, pensando en tres anos vista ou máis, pero a realidade é que no curto prazo estanse a superar as nosas expectativas de largo. A resposta é extraordinariamente boa.

-En que medida a pandemia supuxo un desafío?

-Para os operadores supuxo un desafío total. De repente o nivel de esixencia para as redes de telecomunicación multiplicouse por dous ou máis. Como tivemos que responder? Adiantando os nosos plans de investimento polo menos un ano. Tivemos case que duplicar a capacidade das redes e, ademais, facelo moi rápido. Eu recordo a época de inicio da pandemia con traballos de mellora de redes diarios. Xa tiñamos unha das mellores redes de Europa en Galicia, se non a mellor, e pasamos a ter outra aínda moito máis forte. Tamén foi un traballo intenso para poñer a disposición das empresas e dos cidadáns de Galicia ferramentas de teletraballo e de videoconferencia para facer realidade un escenario absolutamente novo. Foi un desafío importante, pero ao mesmo tempo unha grandísima oportunidade.