«Hoxe é practicamente imposible abrir unha canteira nova»

La Voz

MERCADOS

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos anos 60, para abrir unha explotación só había que ser comuneiro e ir traballar ao monte. «Hoxe iso estaría penado ata con cárcere, porque fan falta permisos de Medio Ambiente, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e do Concello», di López. E o máis probable, engade, é que non saia adiante: «Para abrir unha canteira os requisitos tardan cinco ou seis anos; e sempre vai aparecer un informe negativo que non permita abrir; é practicamente imposible».

-Hai que garantir que todo está en orde...

-Pasa porque a minería non está ben vista; pero non se ten en conta que o 80 % do que consumimos precisa da minería. Hai moita hipocrisía. Todos queremos ter o último modelo de televisor, de coche ou de teléfono; e daquela válenos que exista a minería, pero lonxe.

-Canta vida lle queda ao sector? Ata cando haberá filón?

-Quédalle toda. O problema, como pasou noutros países, non é que se acabe a lousa, senón que se encareza tanto a produción que non sexa rendible polos custes de explotación. En Francia e Alemaña teñen reservas, pero sáelles mellor comprala fóra que producila. E iso que alí vendíana cara, porque teñen apoio institucional.

-Que aquí non?

-En Francia e Alemaña sempre que se facía un edificio público era obrigatorio que levara lousa do país. En España non pasa, e ademais en moitos concellos de Galicia está prohibido o uso de lousa. É unha loita coa que levamos moitos anos, pero na que non conseguimos nada.