«Exportamos a moitos países, pero o mercado nacional aínda é complexo»
Paloma Rodríguez, responsable de márketing e enoturismo, e José Moure, director de vendas, están tomando o relevo na xestión de Adegas Moure, unha empresa que se empezou a xestar da man de Baldomero Moure, que a principios do século XX comezou a mercar fincas na Cova e a cultivalas con viñedo, cos aforros que gañara emigrado en Cuba. A comezos dos anos vinte empezou a elaborar e vender viños e a destilar os primeiros bagazos. O seu fillo José, e a súa dona, Ana, fundan en 1958 Adegas Moure. Testemuña da reconversión da viticultura en Galicia, na actualidade factura 2,5 millóns de euros e conta con 19 traballadores en plantilla.
-Cal é o seu principal mercado?
-Estamos moi arraigados no mercado galego, aínda que cada ano medramos na exportación. Exportamos a moitos países (Estados Unidos, Venezuela, Rusia, Chequia, Alemaña, Suecia, China...), pero o mercado nacional, con riojas, riberas e ruedas, aínda é complexo para introducirnos nel. De todas formas, cada vez percibimos que o consumidor ten máis ganas de probar cousas.
-Como afecta a crise do covid?
-Na canle Horeca frearon as vendas en seco, a situación é moi complexa para o sector da hostalería. Pero no noso caso temos o mercado moi diversificado, polo que non tivemos que recorrer a ERTE. Por outra banda, noutros ámbitos, como a venda directa ao consumidor, en adega, aumentaron as vendas. Tamén medrou a venda on-line, aínda que a porcentaxe é mínima no sector dos viños.
Comentarios