«O 80% da nosa produción vai cara supermercados e grandes superficies»

MERCADOS

01 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Blanco leva 24 anos á fronte de Fontecelta, un traballo que cualifica de «moi motivador e agradable».

-Por que segue medrando o consumo de auga?

-Cada vez consúmese máis auga envasada porque é un produto moi saudable, seguro e fiable. O consumo vaise manter e seguirá medrando porque na nosa sociedade xa o temos interiorizado historicamente como un bo produto e apréciase a súa calidade e sabor, nalgúns casos, case como se falaramos dun bo viño.

-Que diferenza a auga de Fontecelta de outras marcas?

-Esta é unha auga mineral natural. As augas de Galicia non teñen nada que ver coas do Levante, por exemplo, porque as galegas proceden dun chan granítico, mentres que o levantino é cálcico. E iso reflíctese nos minerais que contén cada unha e tamén no seu sabor. A auga extráese e envásase sen ningún tipo de tratamento químico nin alteración: sae por unha tubaxe, pasa por un sistema mecánico de microfiltración e despois envásase.

-Como afectou a pandemia ao consumo de auga?

-No caso de Fontecelta, o 80% da nosa produción vai cara supermercados e grandes superficies, e no sector da alimentación non afectou tanto como si o fixo na hostalería. O que si cambiou foi o tipo de formatos máis demandados. Mentres o consumo de envases pequenos, como os de 0,33 ou de medio litro, caeu, o de formatos grandes, sobre todo de garrafas de 5 e 8 libros, aumentou.