Luces e sombras da reconstrucción da economía da UE na era postcovid

Miguel Rodríguez Méndez

MERCADOS

danielsbfoto

A desconfianza dunha parte dos cidadáns respecto a programas de axudas denominados «verdes» ven de lonxe, e en parte susténtase na tendencia das empresas a converter os grandes retos como o cambio climático en accións que melloran a súa imaxe pública, pero sen consecuencias de calado real, porque teñen prioridade os obxectivos financieiros de curto prazo

11 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Fondo de Recuperación acordado recentemente na U.E. para reaccionar á crise da Covid contén o denominado «Mecanismo de Recuperación e Resiliencia». Dotado con 662.500 millóns de euros, dos que España recibirá 59.000 millóns, ten por obxectivo promover un crecemento sostible na U.E. O presidente do goberno afirmou que este programa será o sustento dun plan nacional de reformas e investimentos para promover o crecemento verde e a transformación dixital. Ambos son elementos centrais para unha sociedade máis circular.

Neste contexto, máis de 160 organizacións non gobernamentais de toda Europa veñen de presentar diante da Comisión Europea unha lista de actividades e sectores que deberían ser vetados no Fondo de Reconstrución postcovid, pois consideran que non ofrecen garantías dunha recuperación sostible. A carta foi enviada á presidenta Ursula Von der Leyen, e a iniciativa foi subscrita por máis dun millón trescentos mil cidadáns europeos que cuestionan por exemplo se debemos investir na industria dos vehículos con motor de combustión ou a industria téxtil.

A desconfianza dunha parte importante dos cidadáns da U.E. respecto a programas de axuda denominados «verdes» ven de lonxe, e en parte susténtase na tendencia das empresas a converter os grandes retos como o cambio climático ou o impacto ambiental en accións que melloran a súa imaxe pública pero sen consecuencias de certo calado real. O certo é que as grandes corporacións teñen dificultades para enfrontarse a retos de medio e longo prazo pese ao discurso estándar sobre a necesidade da estratexia. A énfase na información financeira de curto prazo (resultados, cash flow, cuotas de mercado...) representa hoxe a chave das subidas e baixadas dos mercados de valores ás que con frecuencia están ligadas as remuneracións de directivos. Con este tipo de incentivos, a capacidade dos xerentes e mandos para se identificar cos valores corporativos e da sociedade de longo alcance é moi limitada.

O anterior problema non é exclusivo das grandes corporacións, senón tamén dunha parte importante da sociedade mesma. Os políticos saben da visión de curto prazo de moitos votantes e poden ser tentados en malgastar o Fondo de Recuperación en investimentos de dubidosa rendibilidade social e gran impacto medio ambiental. Nisto xa temos por desgracia experiencia, se atendemos a algunhas actuacións financiadas polo Plan E da anterior crise financeira do ano 2008, e logo prolongado no tempo como Fondo Estatal para el empleo y la sostenibiliad local. Un Fondo no que as actuacións financiadas debían ser coherentes coa filosofía de economía sostible.

Existen, pois, poderosos argumentos para explicar por que unha parte importante da poboación está preocupada co deseño do Fondo de Recuperación. Por un lado atende a obxectivos a medio e longo prazo, como a necesidade de construír unha economía máis circular, con obxectivos a curto prazo, como recuperar a actividade económica e o emprego na era covid (pois desgraciadamente aínda non é post).

Pensar que ambos obxectivos son sempre compatibles facilita a aceptación social do programa, pero unha parte da sociedade desexaría saber canto se vai investir nun cambio de paradigma produtivo que non replique as eivas mesmas do modelo que nos trouxo a onde agora estamos, tanto en termos medio ambientais como dende o punto de vista da pandemia. Porque precisamos de grandes investimentos públicos e privados no deseño dos produtos e servizos que consumimos (o 80% dos impactos ambientais poden evitarse cun mellor deseño). Ou sinxelamente re-pensar o noso modelo económico para, por exemplo, deixar de ser propietarios de moitos produtos que apenas usamos para pagar só polo seu uso.

Mesturar conceptos e obxectivos nunha estratexia tan relevante como o Fondo de Recuperación» vai xerar confusión e frustración nunha parte importante da sociedade cada vez máis escéptica coas promesas de cambio dos seus gobernos.

Miguel Rodríguez Méndez (Prof. de Economía, ECOBAS-UVigo)