¿Erro nas previsións ou mecanismo para o recorte do gasto público?

Manuel Lago Peñas VOCEIRO DO GRUPO COMÚN DA ESQUERDA

MERCADOS

Óscar Cañas - Europa Press

Dende o 2014 ata o 2018, o Ministerio de Facenda minorou en 1.764 millóns de euros a estimación de ingresos que lle correspondía realmente a Galicia en concepto de transferencias do Estado. Esa reiterada imprecisión no cálculo, que é de feito unha estratexia para reducir o gasto público, converteuse nun prexuízo grave para a comunidade que debe ser corrixido

27 oct 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

O Goberno central fixo pública a estimación provisional da liquidación do sistema de financiamento autonómico correspondente ao exercicio 2018. A liquidación reflicte a diferenza entre as entregas a conta que mes a mes fai o ministerio ás comunidades autónomas e o importe definitivo dos ingresos que lles corresponde as autonomías derivado do sistema de financiamento.

Unha diferenza que está provocada pola evolución real que teñen os diferentes impostos que nutren ao sistema de financiamento autonómico. Se a evolución é mellor que a inicialmente prevista, a liquidación é positiva e supón máis ingresos para as comunidades. Si é peor, a liquidación ten saldo negativo e reduce os seus ingresos.

As cifras concretas da liquidación do 2018 pon de evidencia os graves erros do Goberno central na estimación dos ingresos e, polo tanto, na fixación das entregas a conta, o que supuxo un grave prexuízo para as autonomías á hora de facer os seus orzamentos.

No 2018, a liquidación foi positiva a favor das comunidades autónomas por un importe de case 11.000 millóns de euros, unha cifra enorme que distorsiona o financiamento autonómico. Un grave erro nas previsións do Goberno, porque os anticipos a conta ao longo do ano foron en total 96.000 millóns de euros, de tal forma que os 11.000 millóns de liquidación positiva equivalen a unha desviación nas previsións do 11,4 %.

Este erro de estimación se repite de forma constante todos os exercicios, con graves consecuencias sobre os orzamentos das comunidades porque sofren unha infradotación de recursos que limita a súa capacidade de gasto. No 2014, a liquidación final foi de 7.601 millóns de euros en favor das comunidades, de 8.604 no 2015, de 8.834 no 2016, de 6.103 millóns no 2017 e agora chega ao máximo de 10.935 millóns de euros neste 2018.

Acumulados, son máis de 42.000 millóns de euros de diferenza entre os ingresos previstos e os realmente obtidos, o que provoca unha distorsión grave sobre as contas das autonomías, xa que non reciben estas cantidades ata pasados dous anos.

A persistencia no erro fai pensar que o problema vai máis alá da falla de capacidade previsora e que na realidade estamos diante dunha estratexia a favor da redución do gasto público. Unha estimación máis rigorosa e precisa dos ingresos e dos anticipos a conta incrementaría de forma sensible os recursos das comunidades que, desta forma, poderían gastar máis.

Escenario recorrente

Salvo a situación extraordinaria de 2008/2009 -como consecuencia da gran recesión e o seu brutal impacto sobre os ingresos-, a estimación dos ingresos quédase sempre por debaixo da realidade, converténdose nun instrumento para o recorte. Facer estimacións á baixa dos ingresos e, polo tanto, dar anticipos a conta por baixo do que se debería facer é unha forma máis da arquitectura da austeridade orzamentaria. Ademais, estes desfases poñen en evidencia as deficiencias do sistema de financiamento autonómico, porque non existe ningún mecanismo de actualización rápida ao longo do exercicio para corrixir a desviación e como se tarda dous anos en liquidar as contas, se produce unha grave distorsión.

Evolución negativa

A liquidación do 2018 para Galicia é un bo exemplo destas practicas pero, ademais, reflicte unha peor evolución da economía de Galicia en comparación coa media do Estado.

A liquidación positiva do sistema no 2018 acada a cifra de 427,7 millóns de euros en Galicia. É evidente a falta de rigor: unha desviación de 428 millóns de euros sobre un total de ingresos de 7.026, isto é, un 6 % do total. Para que se entenda mellor, si a Xunta dispuxera dunha estimación rigorosa dos ingresos cando elaborou o orzamento do 2018, tería 427 millóns de euros máis de recursos para financiar o gasto público.

Porén, a liquidación do 2018 tamén pon en evidencia a preocupante evolución da economía en Galicia nese ano. Os ingresos realmente obtidos foron un 6 % superiores aos estimados, o que resulta positivo. Pero é moi negativo comparado co resto das comunidades, xa que, de media, os ingresos incrementáronse un 11,4 % sobre as previsións: o aumento dos ingresos no conxunto das rexións duplica a cifra de Galicia.

Na distribución dos ingresos a conta, Galicia recibiu 7.026 millóns de euros dun total de 95.982 para o conxunto das comunidades. Expresado en porcentaxe, recibiu o 7,3 % do importe total. Porén, na liquidación provisional Galicia recibe 428 millóns dun total de 10.935 millóns para o conxunto do sistema. En porcentaxe, Galicia recibe o 3,9 % do total, unha cifra moi inferior á dos ingresos a conta.

Como se dixo, a liquidación provisional é a diferenza entre as entregas a conta e o importe definitivo que nos corresponde tendo en conta os ingresos realmente obtidos. O resultado é moi negativo para Galicia: si na liquidación se mantivera a mesma distribución que no reparto inicial, recibiriamos 800 millón de euros, case o dobre dos 428 que nos asigna o Ministerio de Facenda. En cifras absolutas a diferenza é enorme: son 372 millóns de euros menos, unha cantidade que incorporada ao presuposto do 2020 mudaría de forma substancial a capacidade da Xunta para dotar de recursos á prestación dos servizos públicos.

A falta de máis información impide determinar cal é a razón deste diferencial, por que Galicia recibiu o 7,9 % dos anticipos a conta pero só o 3,9 % da liquidación. En termos xenéricos, a explicación ten que estar en dous motivos, as diferenzas nos criterios de reparto do modelo ou un menor aumento da recadación das diferentes figuras tributarias que nutren ao sistema: o IRPF, o IVE e os impostos especiais.

Porén, esta desviación nas previsións que reducen os ingresos iniciais sobre os que a Xunta constrúe o seu orzamento son reiterados e permanentes. No 2014, a liquidación foi positiva para Galicia en 413 millóns de euros, o que supón que a estimación de ingresos da que dispuxo a Xunta para elaborar o seu orzamento de gasto estaba 413 millóns de euros por baixo do que realmente se ingresou.

Un erro de 413 millóns de euros, que obriga a facer un orzamento de gasto 413 millóns de euros por baixo da capacidade real, e que se traduce en 413 millóns de euros menos para os servizos públicos, a protección social e o investimento.

Case 1.800 millóns menos

No 2015 o erro foi de 428 millóns de euros, no 2016, de 355 millóns de euros, e no 2017, de 140, para rematar no 2018 con 428 millóns de euros de desviación entre os anticipos a conta e a liquidación final. Sumados, son 1.764 millóns de euros en cinco orzamentos, unha cifra enorme porque os ingresos iniciais a conta nese período foron de 6.500 millóns de euros de media anual.

En síntese, os graves erros de sub estimación de ingresos que fai o goberno central provoca unha enorme distorsión nas comunidades, que vense obrigadas a elaborar os seus orzamentos cun nivel de recursos dispoñibles moi por debaixo da realidade.

A reiteración desta practica, a súa elevada contía e que na última década teñan o mesmo signo fai pensar que máis que un erro na técnica de previsión é unha practica premeditada para obrigar a reducir o gasto das autonomías. Sería outro instrumento de disciplina máis na ditadura da austeridade.