«Queremos axudar a coidar o medio ambiente e reducimos os plásticos»

L. López REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

OSCAR CELA

08 sep 2019 . Actualizado a las 05:11 h.

Ángel Carro López representa a terceira xeración dunha tradición pasteleira que comezaron os seus avós en 1914, no antigo Portomarín, hoxe anegado polo encoro. «Meu pai naceu no pobo vello, e en 1969 fundou Tartas Ancano xa no novo Portomarín», explica Carro López, que tras 25 anos dedicado á docencia, agora toma as rendas da empresa familiar, situada en pleno Camiño de Santiago.

-Estou contento co cambio, sempre quixen continuar con Tartas Ancano e desde neno estiven colaborando cos meus pais, Ángel Carro e María Dolores López. Para mín son un referente e un modelo a seguir por vivir o traballo con paixón e vocación, sen présa, pero sen pausa, e sempre con humildade e sen avaricia.

-Que retos se marca para esta nova etapa?

-Queremos chegar a novos nichos de mercado. Por un lado, o mercado sen glute, polo que non elaboramos nada con fariña de trigo; por outro, chegar ao sur de España, que é onde menos presenza temos no país; e, por último, seguir medrando no estranxeiro. Actualmente exportamos arredor dun 5 % da nosa produción.

-Que outros cambios incorporará na empresa?

-O compromiso social e medioambiental é moi importante para nós. Queremos axudar a coidar o medio ambiente e reducimos os plásticos. Unha boa parte da nosa produción vai envasada en cartón, xa sen ventá de plástico. Ademais, contamos con placas solares para xerar parte da enerxía eléctrica que consumimos.