«Hai carencia de plantacións de piñeiro»

María Cuadrado Fernández
M. Cuadrado VIVEIRO / LA VOZ

MERCADOS

M. CUADRADO

16 jun 2019 . Actualizado a las 05:15 h.

Jorge Souto, que comparte a xerencia co seu irmán Alberto, anda nestes días apurado coordinando a entrada de dúas novas máquinas para o serradoiro. Unha constante, a da innovación e modernización nesta empresa, na que a historia familiar pesa moito. O administrador recoñece que apostar polo uso de tecnoloxías de vangarda é fundamental «para poder ser máis competitivos nun mercado que cada vez é máis difícil».

-Cales son as principais dificultades ás que lle teñen que facer fronte?

-Con respecto á actividade no serradoiro, un dos nosos problemas é que hai carencia de plantacións de piñeiro e tamén hai moitas enfermidades que lle afectan a esta especie, como a banda marrón e o nematodo. Non temos problema en colocar a mercadoría, pero un dos problemas é a carencia da materia prima de cara ás novas décadas.

-De onde procede a maioría da materia prima coa que traballan?

-A maioría comprámola directamente no monte e o resto é de madeireiros da provincia e de Asturias.

-Cales son os seus obxectivos?

-Queremos seguir sendo competitivos, estar sempre na primeira liña. Queremos manter a clientela que temos e, como é norma da casa, atendela o mellor posible.

-As vendas da empresa rexistraron un incremento importante no último lustro...

-Incrementamos a facturación porque fomos capaces de incrementar a produción. E iso foi posible grazas á incorporación de nova maquinaria. Somos capaces de vender todo o que producimos e, por iso, contamos con cerrar este ano facturando cerca dos seis millóns de euros.