«Cobrar as bolsas de plástico non é boa idea, iso só beneficia a quen as vende»

Laura López LUGO / LA VOZ

MERCADOS

ÓSCAR CELA

24 mar 2019 . Actualizado a las 05:13 h.

Eduardo Vázquez Río é escéptico á hora de valorar a normativa sobre o cobro das bolsas de plástico.

-¿Como influíu no sector?

-Cobrar as bolsas de plástico non é unha boa idea, iso só beneficia a quen as vende, hai que substituílas polas de papel. No seu lugar, véndese a de rafia, que é un plástico máis duro. As de papel empezan a verse agora.

-¿É máis caro o papel?

-Unha bolsa de papel normal, das de alimentación, equivale a dúas bolsas e media de plástico, tendo en conta a capacidade e o peso que aguantan. Se sumamos iso, en costo sería similar. Ademais, as bolsas de papel están pensadas para ser reutilizadas. Pero o súper tamén gaña cartos nas bolsas de papel e moitas veces cóbranas polo dobre do que pagan por elas. O que non é lóxico é que a unha persoa que gasta 30 ou 40 euros nunha compra, á que antes lle regalaban a bolsa de plástico, non lle regalen agora a de papel. Ou, como máximo, deberían cobrar cinco céntimos por unidade.

-¿Resiste máis o plástico?

-Ese é outro erro, o de pensar que a bolsa de papel non é resistente. A bolsa de plástico que dan no súper, aparte de que corta a man, rompe moitas veces. Nunha de papel normal poden meterse entre 8 e 14 quilos, catro ou cinco botellas, e non rompe. Nós daremos un paso máis alá dentro duns meses, cando lancemos ao mercado unha nova bolsa que tamén se pode reutilizar -para competir coa de rafia-, que será 100 % de papel e 100 % biodegradable, que aguantará 25 quilos.