«Podo estar a xogar cun videoxogo e dicir que estou a traballar»

Seus pais, que lle deron unha educación aberta e sen prexuízos, pedíronlle un ano aos reis un ordenador Spectrum para ela no que non tardou en descubrir que podía programar e que, ademais, gustáballe, e por riba dábaselle ben. Así que estudou Informática, e non foi ata que chegou a clase que se decatou de que era una carreira para homes. ¿Segue a selo?


Redacción / La Voz

Luz Castro (Ferrol, 1972) criouse sen sospeitar que na sociedade estaba establecido que había carreiras de homes e de mulleres. Así que ela matriculouse en Informática, porque era o que lle gustaba. Non foi ata que chegou a clase e viu que a maioría eran varóns que se decatou que optara por unha carreira de homes.

-¿Influíu a súa educación na decisión de estudar Enxeñaría Informática?

-A min ninguén me dixo que era unha carreira de homes. De pequena os reis trouxéronme un Spectrum co que se podía programar en Basic e empecei a probar, gustábame moito e era moi creativo, e dábaseme ben porque sempre se me deron ben as matemáticas, así que empecei a xogar co ordenador. Logo, en BUP, había de optativas Informática ou Teatro, e eu escollín Informática e vin que se me daba ben, que era a mellor da clase e que podía ser unha opción de futuro.

-¿Eran poucas mulleres?

-Cando entrei non eramos máis que un 20 %. Despois si que se puxo de moda e aumentou a porcentaxe, pero eu non me decatei diso ata que cheguei, meus pais non me puxeron nunca ningún impedimento, todo o contrario, educáronme para ser unha muller independente.

-E logo decidiu crear unha empresa, que tampouco é o habitual...

-Ao rematar a carreira, con tres compañeiros decidimos crear unha empresa porque a maioría das saídas estaban orientadas á banca e ás grandes corporacións e iso non nos atraía, pero era tamén o despunte de Internet e vimos que había posibilidades de facer cousas en educación e así naceu Imaxin Software en Santiago.

-¿As encargas chegaron de inmediato?

-Comezamos facendo ferramentas lingüísticas porque non había correctores en galego; primeiro foron CDRooms que se instalaban, e logo xa integrados. A partir desa ferramenta viñeron novas aplicacións en galego, en castelán, en portugués... e diferentes versións para a Xunta, para medios de comunicación ou personalizadas para empresas.

-¿Por que decidiron entrar logo no mundo dos videoxogos?

-En realidade non somos unha produtora de videoxogos, facemos xogos educativos que teñen un extra para cambiar actitudes. Os nosos clientes son, sobre todo, editoriais, museos, administracións... Son proxectos pequenos pero interesantes, bonitos e enriquecedores.

-¿É máis fácil educar cun videoxogo?

-Facemos videoxogos formativos, de prevención de riscos, de reciclaxe... E si, é máis fácil que un obreiro se conciencie así de que ten que poñer o arnés, e o mesmo pasa cos nenos, fixemos unha aplicación sobre reciclaxe e compostaxe e non só aprenden os rapaces, senón que son eles os que conciencian aos pais nas boas prácticas.

-¿As mulleres non xogan aos videoxogos porque foron educadas en que iso era perder o tempo?

-Non, non é certo, as mulleres non teñen consola pero xogan no móbil.

-¿Vostede xoga?

-Xogaba de pequena e sigo xogando, e teño a sorte de que podo estar a xogar cun videoxogo e dicir que estou a traballar.

Luz Castro ensina a deseñar videoxogos, unha carreira con futuro. | sandra alonso

«trato de saír do mundo virtual sempre que podo»

o detalle

«Cando reflexiono sobre por que eu creei unha empresa e puiden facer todas estas cousas chego á conclusión de que foi porque os meus pais nunca me puxeron trabas senón todo o contrario, e a día de hoxe porque teño unha parella que me facilita a vida dunha forma marabillosa. Pero tamén creo que se eu tivese fillos, que non os teño, seguramente non podería ter feito todo o que fixen, porque ás mulleres se nos penaliza moito máis por moito que falemos de conciliación. A xente me di: ‘¿Como es capaz de facer todas esas cousas que fas?’ Pois porque non teño fillos». Ten, iso si, a familia, a parella, os amigos e un afillado aos que lle dedica todo o tempo que o traballo lle permite. «Trato de saír do mundo virtual sempre que podo». E cando pode tamén goza do mar: «Mar con ondas, mar bravo... Faime moito ben, límpame a cabeza».

«Nós non somos menos listas nin temos menos habilidades para a tecnoloxía»

Picón é un dos meus sitios favoritos; vou moi pouco, pero se me puidese xubilar alí...»

Luz Castro é socia fundadora de Imaxin Software pero agora a súa principal ocupación son as clases que dá na Universidade da Coruña, no grao de Comunicación Audiovisual e no mestrado de Videoxogos. É agora, nas aulas, onde volve comprobar a fenda de xénero que hai nas carreiras tecnolóxicas.

-¿Que medidas cre que hai que tomar para evitar a fenda de xénero nas carreiras tecnolóxicas?

-Independentemente de que se poidan levar a cabo outras accións, para mín o básico é a educación. Non podemos ter obxectivos diferentes na súa formación segundo sexan nenos ou nenas. Aínda acabo de ver en Internet alguén que dicía que seus pais lle dixeran que a carreira da que falaba, por unha tecnolóxica, ía ser complicada para unha muller. ¿Que queren dicir con iso? Nós non somos menos listas nin temos menos habilidades para a tecnoloxía. Non temos que cargar cos ordenadores, polo tanto...

-¿Segue a haber carreiras para homes e para mulleres?

-As enxeñarías seguen a verse como carreiras de homes, o mesmo que as de coidados son para mulleres, porque se nos educa para coidar. O problema o teñen tamén os homes que queren dedicarse a unha carreira das chamadas femininas.

-¿As protagonistas dos seus videoxogos son mulleres?

-Tratamos de que sexan mulleres ou, polo menos, de que haxa algún personaxe interesante feminino nos nosos xogos. Decidímolo como equipo e o falamos cos nosos clientes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Podo estar a xogar cun videoxogo e dicir que estou a traballar»