Descarbonizar xa para ter un futuro

Juan Antonio Añel OPINIÓN JUAN ANTONIO AÑEL

MERCADOS

11 nov 2018 . Actualizado a las 10:13 h.

Contaminamos acotío dende fai demasiado tempo, co fin de manter un modo de vida intensivo en consumo de enerxía. Poñemos na atmosfera moito dióxido de carbono. A contaminación que vertemos no aire cada ano medímola en miles de millóns de toneladas de algo tan lévedo coma un gas. Termos un futuro pasa polo tanto pola descarbonización urxente da nosa economía. A meirande parte do problema é o transporte. En Galicia, o combustible do transporte é arredor dun terzo do gasto total de enerxía, por riba de outros como electricidade, calefacción, etc. Ademais, esta enerxía, que mercamos fóra, ten a culpa da maior parte das emisións contaminantes. Igual que no resto da UE, en Galicia o 70 % da contaminación responsable do cambio climático sae polos escapes dos vehículos. Non ten polo tanto nada de estraño que a UE e o Goberno central poñan o foco nel como a meirande oportunidade para mellorar a situación. Fai uns días celebramos o obradoiro anual da Cátedra Fenosa, centrado xusto neste debate. Expertos do sector académico, empresarial e público deixaron claro que os combustibles fósiles están condenados a desaparecer como fonte de enerxía para os nosos vehículos a curto e medio prazo, máis se cabe no caso do diésel, pan para hoxe e fame para mañá xa que ten un gran impacto na saúde. Debemos adoptar de xeito crecente os vehículos híbridos, totalmente competitivos cos tradicionais de combustión, os eléctricos, con custes menores a un vehículo de combustión nun prazo de oito anos, ou os de gas natural. Estes últimos son moito menos contaminantes, o gas é máis barato ca gasolina ou diésel, os vehículos actuais pódense adaptar para o seu uso e pódense mercar coches con depósito de gas e gasolina con subvencións para elo. Non son entelequias senón realidades. Dos polígonos de Galicia saen a diario camións que cobren grandes distancias usando gas. Iso si, é un paso para ir mellorando pero non o obxectivo definitivo. Ficou claro que camiñamos cara un cambio da mobilidade, onde de feito a xente máis nova non só non ten coche propio senón que nin sequera saca o permiso de conducir. Outra mensaxe clara é que os impostos aos combustibles en España son moi baixos. É preciso subilos a fin de frear a compra dos vehículos máis contaminantes. Estes impostos recadados poderíanse empregar en políticas para unha maior xustiza e sostibilidade ambiental. Non perdamos de vista que a capacidade recadadora de ter os mesmos impostos neste eido que os países da contorna pode representar ata un 3 ou 4 % do PIB de España (escribo estas liñas dende Porto, onde o prezo da gasolina 98 hoxe marca 1,70 euros). Pero os impostos deben cambiar, aplicalos por litro de combustible é ineficaz, non diferenza tipo de vehículo e uso. Non contamina igual quen conduce esporadicamente e nunha área pouco conxestionada que quen o fai acotío, en hora punta e con un vehículo moi contaminante. A tecnoloxía actual permite diferenciar estes casos e hai que comezar a aplicala. Por último, precisamos dunha clase política valente, que vaia por diante e guíe á sociedade, que tome decisións en moitos casos impopulares. O camiño para evitar os peores efectos do cambio climático pasa por unha transición enerxética e sobre todo social, vai ser cara e é un asunto transversal que precisa de verdadeiro liderado político.