«Que teñamos auga fainos moi fortes no contexto do cambio climático»

Xavier Fonseca Blanco
Xavier Fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

BIODIVERSA GALICIA

SANDRA ALONSO

A investigadora da USC, María Loureiro, di que Galicia é un bo exemplo de bioeconomía. Asegura que a nosa comunidade ten moito que gañar porque se a temperatura sube dous graos, non haberá moitos lugares con tanta auga dispoñible. Por iso, Loureiro urxe a tomar medidas de mitigación e adaptación para ter unha posición de vantaxe no futuro. Aposta pola educación e a solidariedade, pero advirte que se o mundo non é quen de facer unha transición ecolóxica, o cambio de modelo virá pola forza, pagando por contaminar

05 dic 2019 . Actualizado a las 13:37 h.

María Loureiro é unha das investigadores da USC máis citadas do mundo no campo do Análise Económico. Doutora pola Universidade Estatal de Washington, o seu traballo céntrase no impacto da economía no medio ambiente e tamén nos efectos económicos das catástrofes naturais.

-¿Como de preocupada está a economía mundial co quecemento global?

-Polo menos moito máis que en tempos pasados. O crecemento de publicacións que mencionan o cambio climático é exponencial.

-¿Pode ser compatible un mundo sostible cunha economía que busca crecer?

-As políticas económicas deben ter unha visión máis a longo prazo. Creo que os países modernos, polo menos os nórdicos, xa non están tan obsesionados con crecer e teñen en conta o papel que xoga o medio ambiente no desenvolvemento do ser humano. Ademais, non actuar agora pode ser moito máis caro e perigoso que facelo a longo prazo.

-¿Por que?

-Para países relativamente cálidos coma o noso, unha subida dun 1,5 graos ou máis, pode producir moitos máis danos relacionados con eventos extremos. A función que relaciona aumentos de temperatura e danos económicos tende a ser convexa, crece a ritmo crecente.

-Pero, ¿é realmente posible mudar o modelo actual?

-O cambio se vai a materializar queiramos ou non. Se agora non facemos nada, será pola forza no futuro. Pero antes diso habería que ser coherentes e artellar políticas de mitigación e adaptación. O impacto ambiental que estamos a producir ten que ser interiorizado.

-¿E se non o facemos?

-Se non se contén, o aumento da temperatura por debaixo de dous graos pasaremos a un contexto no que haberá impostos de carbono a todas as actividades contaminantes e en consecuencia viraría a demanda e as tendencias de consumo.

-Ou sexa, que a resposta chegará pola forza e pagando máis.

-Os impostos teñen os seus límites tamén. Nos países nórdicos o alcohol ten unas taxas altísimas, pero o nivel de alcoholismo non decrece porque se consegue nos mercados negros. Por iso fai falla tamén concienciación dende moi cativos. Eu creo que é moi importante a educación, ata os tres anos sobre todo.

-Tamén solidariedade, ¿non?

-Dende logo, non hai outra maneira de facelo. Ademais debe ser intraxeneracional e interxeneracional. Sen embargo, agora mesmo a nivel global hai un equilibrio no cal a cooperación é inferior, as emisións son máis altas e os prezos do carbón máis baixos.

-¿Cal é o futuro do petróleo?

-Quedan reservas para décadas, pero a súa evolución dependerá da taxa do carbono. Establecendo un prezo ao CO2, buscáranse rapidamente enerxías renovables.

-¿Neste desafío global onde está Galicia?

-Galicia é moi rica en termos bioeconómicos. O noso sector pesqueiro é o terceiro de Europa e a nosa produción de leite ou forestal é a máis importante de España. Ademais, o sector enerxético é excedente. O que pasa é que hai unha certa diverxencia entre o capital natural e o humano. Sen esquecer que ter auga nos fai extraordinariamente fortes.

-Pero imos cara un novo escenario climático.

-Esa é a cuestión. Por iso hai que levar a cabo políticas de adaptación e mitigación de forma urxente porque temos moitísimo que gañar.

-¿Onde hai que investir?

-Temos pendente artellar políticas baseadas nunha visión máis integral dos ecosistemas. Iso por exemplo implica pensar no monte non só como produtor de madeira, senón tamén coma sumidoiro de carbono, albergue para a biodiversidade, purificador de auga.

-¿Podemos ter una posición de vantaxe respecto a outras zonas?

-Galicia ten que ter unha estratexia moi intelixente. No futuro igual non hai tantos lugares que teñan suficiente auga. Vaise converter nun recurso moi escaso e altamente demandado. Pero nós agora entramos nunha fase en que debemos ser máis previsores e coidadosos co uso da auga. O seu valor dende un punto de vista produtivo está indo moito en aumento.