«O sector está inmaduro, pero evoluciona a pasos de xigante»

A empresaria dirixe a planta que máis pellets produce en España, situada nas Pontes. É unha das catro que se dedican en Galicia a un negocio aínda non consolidado, pero que deixou atrás os malos momentos e que empeza a despuntar grazas á recuperación do consumo. Pardo resalta que os incentivos da Xunta para instalar caldeiras de biomasa en fogares e industrias son esenciais para o despegue do sector


Redacción / La Voz

Luz Pardo Longueira (A Coruña, 1968) dirixe a fábrica que máis pellets produce en España, Biomasa Forestal, nas Pontes, que emprega a 28 operarios, factura dez millóns e da que este ano sairán 70.000 toneladas. A metade irá á exportación. Pardo preside ademais a Asociación Española de Productores de Pellets (Apropellets).

-Canto desaproveita Galicia a súa biomasa forestal?

-Dende logo poderíase aproveitar moito máis, si, pero xa saberá que a Xunta ten un plan de fomento da biomasa con incentivos para a instalación de caldeiras en edificios públicos e fogares que está contribuíndo ao despegue do sector.

-Por que non se desenvolveu antes?

-É un combustible de proximidade, barato e cun prezo estable, que acostuma subir o mesmo que o IPC. Pero hai tres ou catro anos houbo un parón importante porque caeron moito os prezos dos combustibles fósiles, pero estase recuperando o consumo.

-Cantas fábricas terían que abrir para aproveitar toda a biomasa forestal galega?

-En España somos unhas trinta e pico cun tamaño industrial; en Galicia, catro, que este ano producirán entre 120.000 e 140.000 toneladas. E todas temos a capacidade para producir tres veces máis se fixera falta. Así que, máis que abrir outras, o importante é que vaia medrando a produción ao mesmo ritmo que a demanda. É bo ter unhas fábricas cunha produción sostible. As pequeniñas non son rendibles, ese foi un dos erros do pasado, montáronse moitas, pero de moi pouca capacidade. O que queremos é que as que están, que veñen de sufrir moito nestes anos pasados, sexan rendibles. As que pecharon fixérono en parte por problemas económicos. Aínda somos un sector moi inmaturo, pero que está evolucionando a pasos de xigante, porque a xente ten cada vez máis claro que o pellet ten que ser certificado, quere saber a orixe, onde se produce.

-Canto emprego xeran?

-En Biomasa Forestal temos 28 traballadores, noutra mediana, 16... Pero non se pode falar só de postos directos, porque nós precisamos 150.000 toneladas de madeira, e se contas a man de obra necesaria para cortala, trasladala... Calcúlase que por cada nove empregos do sector forestal, hai un no dos combustibles fósiles convencionais.

-Que materia prima usan e de onde vén?

-Usamos restos de piñeiro e doutras madeiras como salgueiro ou chopo. Temos todos os certificados de sostibilidade, e temos que garantir que toda a madeira que se corta se replanta. E como temos ademais o selo Galicia Calidade, o 80 % da materia prima é galega, incluso sabemos ata de que monte vén. Case o 100 % do noso abastecemento faino o grupo Greenalia, que ademais é accionista de Biomasa Forestal (15 %).

-Que aforro pode acadar un fogar cunha caldeira de pellets?

-O aforro está arredor do 40 ou 45 %, que no caso dunha vivenda unifamiliar estamos falando de 400 ou 500 euros ao ano, fronte ao mellor 700 se é caldeira de gasóleo.

-O grupo Gestán [do que Pardo é conselleira delegada] comprou a fábrica das Pontes no 2012, en pleno cénit da crise...

-Uns descerebrados (risas). Fomos valentes porque vimos unha oportunidade. A ver, o noso grupo estaba saneado, somos unha empresa familiar e iso nótase, tiñamos uns aforros e pensabamos, como agora, que o sector dos biocombustibles tiña futuro. E estamos moi contentos, estamos liderando o mercado nacional.

-Pero, dálles beneficios?

-Aínda non, pero esperamos telos xa este ano. Cando chegamos a situación era complicada, máis do que pensabamos, pero apostamos firmemente pola empresa, e a Xunta tamén. Levamos investidos uns tres millóns. Agora estamos traballando para diversificar a produción para facer, por exemplo, o leito hixiénico de animais.

-Ai si?

-Facemos tamén un absorbente que substitúe a area para os animais domésticos, é un pellet cun alto poder de absorción, estámolo vendendo xa no mercado. Estamos tamén cun proxecto xunto coa Universidade de Santiago para usalo a nivel industrial en granxas, sobre todo de polos, para camadas. O problema do pellet para calefacción é que é unha actividade estacional, e isto permítenos ter un produto de consumo regular. Cando mellor producimos é no verán, pero non hai demanda; e cando máis vendemos é no inverno, cando a nosa capacidade de produción se queda pequena.

-E como fan?

-Fabricamos e almacenamos, iso ten un custo financeiro importante, e por iso aínda non temos beneficios. Necesitamos apoio para fabricar e almacenar seis meses ao ano para vender os outros seis.

-Pero é rendible fabricar pellets?

-Honestamente, creo que si vai ser rendible, espero que dende este ano en diante, porque empeza a haber un consumo estable, non só aquí, tamén nos países do noso contorno, porque isto é un mercado europeo. Do 2011 ao 2017, o consumo pasou en España de 100.000 a 600.000 toneladas. E o pasado, a venda de estufas e caldeiras medrou un 40 %, e a produción de pellets, entre un 12 e un 15 %. É un mercado crecente.

O pellet supón un aforro en calefacción de arredor do 40 ou 45 % para unha vivenda unifamiliar»

Pardo Longueira dirixe Biomasa Forestal, nas Pontes, e preside a patronal nacional de fabricantes de pellets. | marcos míguez

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«O sector está inmaduro, pero evoluciona a pasos de xigante»