Compañías que crecen cos tempos que vivimos

A cotización de Apple leva semanas batendo récord e está a piques de alcanzar o billón de dólares, un fito histórico na traxectoria empresarial. Esta circunstancia leva a analizar as razóns polas que as empresas obteñen estes meteóricos crecementos. A globalización e a era dixital argumentan estes ascensos, pero xeneran riscos de dumping fiscal que deben regularse.


Nestes anos, son noticia frecuente as presentacións de contas anuais das grandes compañías que presentan uns resultados espectaculares, pola capitalización, polo volume de negocio e polo beneficio atribuído. Resultados que chaman a atención, por canto superan calquera rexistro histórico no ámbito empresarial. Varias son as causas desta concentración de éxito e resultados...

A primeira e principal, a globalización, entendida nun dobre sentido:

O primeiro, coma resultado dunha apertura dos mercado e dunha tendencia ao librecambio fronte ao proteccionismo. A caída das barreiras ao comercio mundial facilita que as compañías máis competitivas poidan chegar sen límites, máis e mellor, ao conxunto dos mercados, polo que o mercado final é dun tamaño global, ou cando menos maior do que nunca o fora anteriormente. Para atender ese mercado global, son precisos uns recursos en proporción ás necesidades e, polo tanto, dun tamaño equivalente.

O segundo, coma resultado da nova era dixital. Vivimos un cambio de etapa da historia. Igual que a imprenta de Guttemberg cambiou a forma de transmitir o coñecemento, e simboliza o paso da Idade Media á Idade Moderna, a revolución dixital está a pasarnos da Idade Contemporánea a unha nova era, a dixital. A imprenta permitiu a copia dos documentos (e daquela do coñecemento) sen escribilos un a un. A rede permite a copia dos documentos sen impresión física, e o envío en segundos a calquera parte do mundo.

Como resultado da revolución dixital, en clave empresarial, non hai un só modelo de negocio que non mudara coma consecuencia da tecnoloxía. Aquelas compañías que son capaces de ofrecer as avantaxes da revolución dixital no seu sector reciben como premio un resultado económico. Os aparellos de comunicación de Apple, o software de Google (agora Alphabet), o bazar dixital de Amazon ou Alibabá, ou a nosa zara.com, son exemplos de nova tecnoloxía e mercado global de éxito.

O resultado das dúas anteriores, tendencia ao librecambio e nova tecnoloxía, crea xigantes globais, con recursos propios e resultados consonte o desafío empresarial que afrontan, en parte porque son necesarios inxentes recursos para este desafío, e en parte porque os enormes resultados que acadan, cando non se reparten coma dividendos permiten aumentar a capitalización das empresas por autofinanciamento.

Neste panorama descrito, sen embargo, é preciso introducir dous matices, en nome da economía social de mercado. Unha idea valiosa, economía social de mercado, que permitiu a sociedades como a nosa crecer no económico e desenvolvernos no social, e ser hoxe o que somos.

O primeiro matiz é que o novo modelo de economía dixital suprime o principio de actividade no territorio. Consumimos nun país, pero a prestación do servizo dixital procede supostamente de calquera outro. Isto significa que abrimos o risco dun dumping fiscal, de que unha empresa con sede en calquera país de baixa fiscalidade, compite coas empresas con presenza física en países sometidos a unha fiscalidade maior.

O dilema, en clave moral e económica, é este: As diferenzas de prezos entre unha empresa dixital e unha empresa con tenda física, débense aos aforros de utilizar o circuíto dixital ou a unha fiscalidade máis favorable dende outros países? Se a resposta é a primeira, a lóxica de mercado lexitima a primeira opción; se a resposta é a segunda, estamos ante un oportunismo fiscal que dinamita os ingresos públicos.

Calquera que estude os modelos de negocio, sabe que a resposta é que son certas ambas as dúas. Parte do éxito é derivado da redución de custos, e outra parte derívase dunha menor fiscalidade, por canto as compañías, loxicamente, sitúan as sedes fiscais onde máis lles convén. Daquela, temos un desafío urxente: permitir a eficiencia e a innovación que introducen as novas compañías globais, e ao mesmo tempo modificar o modelo fiscal para que non penalice ás empresas con presenza física e fiscal en cada país. É posible que isto signifique unha reforma radical dos sistemas fiscais, con impostos en función do lugar no que o consumidor compra o ben ou servizo e non, como ata hoxe, en función da sede social da empresa que factura ese ben ou servizo.

O segundo matiz é que a concentración de recursos en grandes compañías dálles un poder, non só económico, que pode condicionar aos poderes públicos ata posicións pouco desexables. Non creo, neste caso, que a solución pase pola liquidación destas grandes sociedades, pero si pasa por esixir estándares de responsabilidade social e de transparencia condicionados á penalización nos mercados, que aseguren ou cando menos limiten os abusos de poder derivados de semellante poder económico. A Unión Europea, neste sentido, é tal vez a sociedade máis madura para introducir novos estándares que aseguren un futuro social compatible cos novos xigantes da economía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Compañías que crecen cos tempos que vivimos