«Vendemos solucións, adaptámonos ás necesidades dos nosos clientes»

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso VILAGARCÍA / LA VOZ

MERCADOS

MARTINA MISER

17 jun 2018 . Actualizado a las 04:45 h.

Aínda que están especializados na conserva de peixe, en Tacore son quen de facer máquinas para case calquera proceso industrial. De feito, traballan xa con empresas de conservas vexetais.

­-Vostedes traballan un pouco a demanda do cliente. Son quen de adaptarse ao que precisa.

-Aparte de vender maquinaria, vendemos solucións. Adaptámonos ás necesidades dos nosos clientes, ao seu produto, ao formato da lata, á velocidade que precisa, ao espazo que ten... Despois de entrar en contacto co cliente facémoslle un estudo das necesidades que ten a súa planta e debuxamos o que lle fai falla, dende unha máquina a unha fábrica completa.

-Pero no mundo da conserva de peixe segue a haber moitos procesos manuais.

-A limpeza segue a ser manual, pero hai outros procesos que se poden facer de forma automática. Temos brazos robóticos que poden facer moitas cousas, o que pasa é que a pequena empresa pensa que son moi caros. E non é certo, os seus prezos baixaron moito. Temos que cambiar esa mentalidade porque un robot destes é moi polivalente e pode facer case de todo, desde facer caixas hasta meter os produtos nelas e paletizalas.

-Excepto limpar o peixe.

-Aínda estamos lonxe de substituír as mans humanas, pero é certo que as aplicacións dos robots son infinitas. Só hai que cambiarlles as garras, e nós deseñamos e programamos diferentes tipos delas, que poden darlle solucións a moitos procesos.