Fórmulas para socializar a propiedade

José Antonio Diéguez Otero OPINIÓN JOSÉ ANTONIO DIÉGUEZ OTERO

MERCADOS

15 abr 2018 . Actualizado a las 04:45 h.

Despois de dúas décadas de implantación eólica, Galicia conta con 4.020 aeroxeradores e 3.343 megavatios instalados (equivalen a tres centrais nucleares), que afectan a 48.000 propietarios de terreos, xerando rendas do 1,5 % da produción: uns doce millóns (250 modestos euros por propietario e ano).

Estimamos en 4.000 hectáreas o que ocupan os muíños instalados, pero os dereitos de superficie inscritos nos rexistros da propiedade de Galicia a favor das empresas eólicas chegan ás 40.000, dez veces máis. A maior parte das veces os propietarios non foron conscientes da cesión destes dereitos de superficie sobre as fincas completas, xa que viña disfrazada no contrato de arrendamento en forma de cláusula leonina e abusiva. Estamos a falar dunhas rendas medias de 3.000 euros por hectárea. Non é gran cousa si se compara cos 5.000 pola de castiñeiro para castaña ben xestionada.

O presente inmediato tórnase aínda máis complicado, posto que os aproximadamente 700 megavatios que terán que desenvolver as empresas antes do 2020, fixeron que a Xunta aprobara medidas de aceleramento nas tramitacións, o que fai máis indefensos aos propietarios de terreos eólicos, dando unha situación de posición dominante ás empresas. Nestes días vemos como as ofertas son máis baixas que no pasado. O futuro non semella que vaia mellorar para os propietarios do rural, máis ben, todo o contrario. Rendas baixas a cambio de inxentes dereitos de superficie, soportando no territorio os impactos destas estruturas industriais. Estará presente a ameaza de expropiación, fixando indemnizacións de saldo, ao calculalas sobre o valor catastral da propiedade, e non sobre a capacidade de xerar enerxía renovable nela.

O rural con esta maneira de proceder cunha Administración ao servizo das eólicas e estas sen importarlle nada a súa responsabilidade social corporativa, a desfeita demográfica esta servida.

Participar no desenvolvemento das enerxías renovables, con fórmulas que permitan a socialización da propiedade, a través dunha axeitada valoración dos solares, debería de ser unha prioridade da nosa sociedade. E non seguir insistindo en fórmulas trasnoitadas de intervención administrativa, que só buscan facilitar a implantación de parques eólicos sacando do medio ao propietario, e sen poñer deberes a estas empresas que dependen do uso dos recursos do territorio, para cos propietarios e resto de habitantes do rural, que perden así unha potencial fonte de ingresos que si teñen os nosos veciños do norte de Europa.