Drons e telecomunicacións, unha economía aeronaval

Javier Alcalá ENXEÑEIRO DE TELECOMUNICACIÓN E MEMBRO DA XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS DE TELECOMUNICACIÓN DE GALICIA

MERCADOS

maría pedreda

O baile de siglas para definir aos vehículos aéreos non tripulados non é máis que outra proba da importancia que vén de gañar unha actividade que xa é unha industria en si mesma. Unha industria que hoxe suma no país milleiros de aparatos e pilotos e na que Galicia ten moito que dicir ao abeiro do pólo aeronáutico de Rozas e das múltiples iniciativas postas en marcha.

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:13 h.

Dous recentes acontecementos en España viñeron colocar os drons no seu nivel de importancia industrial, económica e social: o congreso CivilDRON’18 e a presentación de licitacións do programa Soluciones, ligado á Civil UAVs Initiative da Comisión Europea. O primeiro transcorreu na ETS de Enxeñería Industrial de Madrid e a segunda no pólo aeronáutico de Rozas. Para fins de maio próximo xa se anuncia o DIC Galicia, Drones International Congress, a celebrar en Expourense. Nos títulos das xuntanzas de expertos xa celebradas aparece o cualificativo civil; no do congreso pasado úsase o termo dron; no do próximo, drones; e no da presentación, as siglas UAV. Son modos de falar do mesmo, xunto coa abreviatura RPA.

O que se aceptou nas linguas latinas como dron ou drone vén do inglés drone: macho de abella. Cando a radiocomunicación e a electromecánica o permitiron, desenvolveuse na Gran Bretaña un avión telemandado para albo de adestramentos das baterías antiaéreas. A empresa fabricante bautizouno como Queen Bee (Abella Raíña) pero, polo xeito de fungar, os militares déronlle o alcume de drone.

Durante a Segunda Guerra Mundial, perfeccionadas as técnicas de radio e automatismos, os americanos iniciaron a carreira que chega aos tempos actuais, con máquinas a cada modelo máis sofisticadas (todas co mesmo alcume, cando xa aparecen outras que, imitando a natureza, non fan ruído ao voar. Tal é o caso dos bat robots, morcegos coma o desenvolvido polo Instituto Tecnolóxico de California).

A vulgarización da aviónica, a enerxización e as telecomunicacións deron lugar a un efecto de aeromodelismo no eido dos drons, que os foi levando cara a tarefas no mundo civil. Programas de cálculo para aeronáutica, mellora das baterías, minimización de motores eléctricos, hardware e software para comunicación celular... introduciron os VANTs alá onde ía chegando a imaxinación. VANT corresponde á denominación oficial nos idiomas latinos da Península Ibérica: vehículo aéreo non tripulado. E ten dúas derivas, VATT (teletripulado) e SVANT (referente a un sistema que inclúe a máquina voadora).

UAV vén do inglés unmanned aerial vehicle, literalmente VANT. Como no caso de VANT, ás veces aparece cun S engadido: UAVS, literalmente SVANT. Tamén pode aparecer como UAS, unmanned aerial system.

E aínda fican as siglas oficiais da Administración dos EE.UU.: RPA, remotely piloted aircraft ou aparello voador telepilotado, que se corresponden coas latinas de VATT. Desa sopa de letras vaise deducindo que na economía do século XXI xurdiron uns sistemas altamente dependentes da aviónica, a electrónica, as telecomunicacións e a informática. Están formados por un bloque en terra e outro no aire. En terra reside a intelixencia que non se lle delega á máquina voadora. No aire colócase unha plataforma móbil capaz de trasladar dispositivos de calquera tipo, desde foguetes e bombas no caso de aplicacións militares, a sensores ou cámaras no caso civil. A potencia do vehículo voador determina a chamada carga útil. A súa autonomía enerxética condiciona o seu uso.

Segundo os datos oficiais presentados no CivilDRON ‘18, actualmente en España hai algo máis de 3.000 operadores de VANTs de menos de 25 quilos de peso en voo, máis de 4.300 aeronaves rexistradas dese tamaño e máis de 3.700 pilotos de VANTs tripulados. Non hai rexistro dos VANTs que actúan en recintos pechados como fábricas, almacéns ou túneles.

Un sector en expansión

Os datos da Axencia Europea de Seguranza Aérea reflicten o crecemento do sector: en setembro de 2015 había en España 637 operadores rexistrados; no mesmo mes de 2016, 1.747, e xusto un ano despois, 2.667. A tendencia indica o camiño cara a construción dun novo sistema laboral e económico. Traballos que implican riscos laborais graves, ou irrealizables con medios de escalada ou helicópteros, fanse cos drons de maneira que abre novas fronteiras (pénsese, por exemplo, na fotografía de precisión tomada con plataforma voadora á fenda que apareceu nunha cheminea industrial).

Só por mencionar -con intención de ordenalas- algunhas aplicacións de VANTs civís que hoxe están en uso, cómpre distinguir as correspondentes a espazos confinados e a espazos abertos. No primeiro caso está o control de movementos de vultos en almacéns ou as roldas automáticas de vixilancia en edificios. No segundo contémplanse os voos para agricultura e silvicultura, minería a ceo aberto, construción civil, mantemento de grandes estruturas ou de plantas de xeración e redes de enerxía, realización de mapas topográficos ou de radiacións...

Na actualidade embárcanse nos drons cámaras de vídeo para o espectro lumínico visible ou alén del, sensores de características atmosféricas, equipos de LiDAR (radar de láser), analizadores de espectro radioeléctrico...

Os puntos suspensivos dos parágrafos anteriores indican que todo canto hoxe se diga sobre os VANTs e as súas aplicacións mañá estará superado. Mais, en todo caso, as máquinas que voen da man do seu piloto (humano ou, á súa vez, máquina) terán que se comunicar con terra, por dúas razóns básicas: para obedeceren ás ordes de voo e para enviaren os datos que están a captar os aparellos da carga útil.

Tendo en conta que os drons civís hoxe fan esa comunicación vía rede wifi con transceptor principal xunto ao piloto, compréndese que nos voos aparezan logo as mesmas complicacións que hai coas redes domésticas, suxeitas a interferencias e manipulacións de tráfico de datos (hackeo).

E velaí a importancia das licitacións presentadas no pólo de Rozas. Unha delas é dedicada ás aplicacións de loita contra incendios, mais a outra tenta enfrontar os avances da telemática para a ordenación dos voos dos drons no espazo libre, en coexistencia coas naves tripuladas.

Comunicacións

Os VANTs poden ser multicópteros ou alados mais, voando do xeito que o fixeren, sempre se poderán cruzar nas rutas dous seus conxéneres, ou de avións e helicópteros tripulados. Teñen que se comunicar cos pilotos humanos e cos controladores de voos (polo momento, tamén humanos). Para iso deben ser capaces de se anunciaren e identificaren, de se deixaren ver nos radares e de detectaren outros vehículos aéreos e evitaren a colisión con eles.

Esperemos que este reto, o da «inclusión social» dos drons, se vaia superando grazas ás técnicas que propón o Programa Soluciones. Tamén, que o coñecemento se xere en Galicia e aquí fique para axudar ao desenrolo da industria imparable dos abellóns mecánicos. O DIC Galicia apunta nesa dirección, en canto acolle os VNNTs (náuticos) nun país con 1.500 quilómetros de costa e aínda máis de cursos fluviais.