«O agro é un mundo moi invisible para as mulleres»

Con máis de dúas décadas de experiencia no sector, esta muller decidiu dar un xiro á súa traxectoria e tomar as rendas da man da empresa Xeruga, que axuda a todas as empresas do rural nos ámbitos fiscal, contable, laboral ou xurídico. Aínda que en realidade non hai límites e recoñece que atenden todo tipo de consultas e trámites que precisan os seus máis de 400 clientes


Vigo / La Voz

Unha longa experiencia traballando no sector do agro e un estilo de vida que leva no sangue foron as motivacións que levaron a Carmen Canda a montar a súa propia empresa no rural adicada a axudar a agricultores e gandeiros. Un servizo de asesoramento e axuda para os profesionais do sector que aposta pola formación e por dar un papel máis visible á muller nun sector no que, historicamente, foi relegada a un segundo plano.

-Como xurdiu Xeruga?

-Eu levaba en Xóvenes Agricultores 25 anos traballando pero houbo un revés laboral. Sempre me interesei polo tema do rural porque na miña casa sempre se viviu da venda do leite e dos becerros. Vendo a miña nai, ás veciñas ou ás miñas tías sempre me interesou o tema da muller no sector, creo que merecían que alguén fixera algo por elas, para que puideran expresar a súa valía. A muller ten moito espazo, pero o agro é un mundo moi invisible para ela. Así que me decidín a montar a miña propia empresa. Para iso contei coa axuda de Elías Fernández, un enxeñeiro agrícola ao que lle gusta tanto isto como a min. E decidimos emprender unha andaina nova. E así naceu Xeruga, da que montamos oficina hai uns anos, que está encamiñada ao rural, ao asesoramento para agricultores e gandeiros en temas fiscais, subvencións, IVA ou similar.

-Que tal acollida tiveron?

-Foi un éxito total. Había uns anos de experiencia que nos respaldaban pero a verdade é que a resposta foi moi boa. A xente contou con nós dende o comezo para traballar e nós estamos encantados de poder incrementar o número de gandeiros que confían en nós e en mellorar a calidade do servizo.

-Cantos clientes teñen na actualidade?

- A carteira actual e duns 400, o cal para nós, que estamos comezando, é un éxito. Para dar resposta a todos, tanto o meu socio coma mín estamos traballando moito e adicando moitas horas de traballo. Arrancamos isto sen axudas nin nada e foi moi sacrificado.

-Que servizos ofrecen?

-Temos servizos de asesoramento fiscal, contable, laboral, xurídico, medicións de fincas, tramitacións de servizos... A verdade é que axudamos en todo o que podemos, dende tramitar a baixa dun animal, un duplicado dun crotado, moitos pequenos detalles do día a día difíciles de enumerar. Hai días que ata veñen clientes a xestionar unha multa de tráfico. A xente aínda ten medo das novas tecnoloxías, de facer trámites no caixeiro ou por Internet.

-Comeza agora a muller no rural a ser máis visible con iniciativas coma a súa?

-Váisenos empezando a ver pouco a pouco e gústame moito. O mundo do campo sempre foi moi masculino pero en realidade a muller sempre traballou nel. En realidade, fai xornada dobre, no campo e logo dentro da casa. Creo que agora as axudas que existen para a muller, as novas xeracións e o cambio de mentalidade van favorecendo que elas tamén sexan máis visibles. A xente nova cada vez valora máis a profesión dos seus pais e o consideran xa como un medio de vida. O rural xa é unha alternativa máis para buscarse a vida. Hoxe en día hai moitas oportunidades e a muller pode aproveitalas.

Carmen Canda tamén foi membro da asociación de mulleres e familias de ámbito rural. | rober amado

«É igual de digno traballar no campo que facelo nun despacho de avogados»

Aínda que cando se levanta e sae da casa o único que toma é un zume correndo, en realidade Carmen Canda intenta atopar sempre un oco para tomar logo un café a media mañá. É o xeito de coller enerxías para unhas xornadas maratonianas nas que dar resposta aos clientes e axudalos en todos os trámites son a prioridade do día a día.

-Que planes de futuro teñen na empresa?

-Imos pasiño a pasiño. O presente augúrase moi optimista e esperamos ampliar os nosos coñecementos. Ademais de asesorar aos nosos clientes, estamos tamén impartindo cursos para os gandeiros. En temas fitosanitarios, por exemplo, somos unha entidade homologada pola Xunta para dar formación. Hai que ter en conta que non só se trata de desexar algo, tamén hai que seguir a burocracia e ten os seus tempos. Pero sen dúbida a formación é clave.

-En plena crise estamos redescubrindo o sector e voltando ao rural?

-Viviuse moito tempo do campo e poderase seguir vivindo. Animo á xente a que se incorpore a este mundo e non deixe en esquecemento de onde vimos, somos un pobo rural. É igual de digno traballar no campo que facelo nun despacho de avogados. Moita xente está volvendo porque é unha vida tranquila, moi reconfortante. Pode que haxa menos luxos ou privilexios pero a calidade de vida é moi boa. Ben é certo que os nenos do rural nunca tiveron as mesmas oportunidades pero levan unha vida máis san. Hai comodidades de determinados servizos que é difícil que se poidan disfrutar no rural, aínda que por exemplo en algunhas cousas Internet pode axudar. Sobre todo aos cativos, aínda que os pais e nais do rural non teñen suficiente tempo para formarse en novas tecnoloxías e asesorar aos nenos e iso ocasiona que xere moito medo, porque xa sabemos que na rede hai moitas cousas boas pero tamén malas.

-Algún consello para a xente que empeza neste mundo?

-Quero darlle moitísimo ánimo porque é un mundo por descubrir. Temos moito que ofrecer. Incorporarse ao mundo dos nosos antecesores é unha boa opción porque podes ter unha boa calidade de vida. É unha saída laboral coma outra calquera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O agro é un mundo moi invisible para as mulleres»