«Estamos levando a xuízo certificacións fraudulentas»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

MERCADOS

Máis de medio milleiro de profesionais da enxeñaría técnica industrial están colexiados na sede compostelán deste colectivo. O seu presidente explica que a profesión leva tempo inmersa nun proceso de cambio, primeiro coa implantación de Boloña e agora coa lei de colexios profesionais

09 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Carlos Muñiz (Rianxo, 1966) tiña doce anos cando descubriu que tiña vocación de enxeñeiro grazas a unha charla no seu instituto. Hoxe é o presidente dos enxeñeiros técnicos industriais da área de Santiago. Recoñece que hai moito descoñecemento da súa profesión e por iso centra o labor do seu colexio en dar a coñecer que fan os enxeñeiros técnicos industriais tanto á sociedade como ás institucións.

-Pouca xente é quen de dicir a que se dedica un enxeñeiro técnico industrial.

-Enxeñeiros industriais e enxeñeiros técnicos industriais temos unha mesma orixe e por diversos motivos acabamos segregándonos en dúas titulacións: a primeira con índole máis técnico-teórica e nós, os técnicos industriais, que nacemos cun carácter máis a pé de campo, menos de deseño e máis de execución material das obras relacionadas co ámbito industrial, polo que temos moitas especializacións.

-Pero hoxe volve ser só un título: o grao en enxeñaría industrial.

-Agora hai un grao de catro anos e unha especialización de máster dun ou dous anos. Pero o título de enxeñeiro en calquera das ramas industriais permite ter as atribucións profesionais dun enxeñeiro técnico industrial.

-Ata o momento había dous títulos e dous colexios. Haberá unha fusión colexial?

-Un alumno remata o grao, que é un título que permite exercer completamente a profesión, e quere especializarse cun máster. Os colexios de enxeñeiros industriais reciben a eses alumnos. Pero o que vai pasar máis cedo que tarde é que dende o momento que hai unha soa titulación de enxeñeiro industrial, un dos dous colexios vai sobrar e nos teremos que unificar. E vou máis alá. En vez de haber colexios provinciais, haberá un só colexio galego que englobe aos graduados en enxeñaría. Aínda non falamos desa fusión porque estamos pendentes da aprobación definitiva da lei de colexios profesionais.

-Un profesional colexiado garante un traballo profesional?

-Estar respaldado pola profesión tamén dá unha garantía de que os traballos realizados por ese profesional foron vistos, revisados e visados por nós. Iso garante que o profesional está capacitado para exercer a profesión, porque hai moita fraude hoxe en día. Hai xente asinando proxectos sen ter a titulación adecuada. Así que nós facemos de filtro entre o usuario final e a Administración. A Administración e máis nós somos os últimos interesados en que non haxa un traballo fraudulento realizado por un técnico que non sexa competente nesa especialidade, porque levalo adiante pode conlevar riscos insospeitados, dende un accidente laboral, que ten pasado, ata riscos maiores con penas maiores.

-Un dos temas candentes é a certificación enerxética.

-Ata que apareceu a crise encargabámonos nós de todo, porque somos quen de deseñar, proxectar e dirixir as instalacións propias dun edificio. Non somos quen de deseñar o edificio se o seu uso é para vivenda ou similar. O dilema entre arquitectos, aparelladores, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos é onde está o límite. Nós non o temos porque sempre o fixemos e imos seguir facéndoo mentres non haxa unha lei que nolo prohiba. Os arquitectos non se preocupaban das instalacións interiores dos edificios, subcontrataban a un enxeñeiro técnico, porque é a súa competencia. Agora, como a obra civil está paralizada, buscan o xeito de entrar nas instalacións técnicas e entendemos que se nos están pisando competencias.

-O Supremo dixo que os enxeñeiros eran competentes. ¿Debera ser exclusiva dos enxeñeiros?

-Non ten por que ser exclusiva sempre e cando teña relación directa coas atribucións profesionais de cada quen. O que non me parece correcto é que un arquitecto faga unha certificación enerxética nunha instalación de gas ou aire acondicionado. ¿Que sabe diso? Nada, porque non o estudou.

-¿Hai algún mecanismo en marcha contra a fraude?

-Si, estamos denunciando xa e hai casos en preito e casos gañados en ámbito nacional. Tanto a nivel galego como noutras comunidades estamos levando certificacións fraudulentas de eficiencia enerxética.

-¿Hai cifras das denuncias que se fixeron en Galicia?

-Non me atrevería a dicir unha cifra exacta. Pero temos detectado ofertas on line de certificación enerxética, e iso si o denunciamos. Non se pode anunciar que a través dunhas fotografías que lle manda o cliente certifican, e por 50 euros. ¿Como pode certificar unha empresa una instalación que non ve, só a través dunha fotografía que lle manda o cliente? Polo menos hai que ver a instalación antes de certificala.

«Debería haber menos especialización e máis colaboración entre nós»

O consello xeral de graduados en enxeñaría industrial quere unha reforma da profesión por entender que non compite en igualdade de condicións co resto de Europa e di que é anticompetitiva.

-Por que?

-Non creo que sexa anticompetitiva, pero creo que aquí estamos rizando o rizo. Cando noutros países hai unha soa enxeñaría, por que aquí ten que haber dúas facendo case o mesmo? Eu non coñezo ningún país, agás o noso, no que houbera por un lado unha enxeñaría técnica industrial e outra industrial. Agora úsase o sentido común, un título de grao válido para todos e a especialización segundo o máster.

-Boloña logo foi positivo para os técnicos industriais.

-Si, porque unifica criterios e establece as atribucións de cadaquén e non estamos cos rifirrafes que había ata agora. Había unha serie de límites e de fronteiras que non tiñan moito sentido. Vaia por diante que estamos en contra do 3+2 porque vemos partidismo político e unha desprotección para o estudante, que pasa a pagar do seu peto dous anos.

-Está a profesión en España demasiado regulada?

- Estamos demasiado encorsetados, mesmo entre nós. Só nas ramas industriais temos seis especialidades: mecánica, eléctrica, electrónica, química, téxtil e deseño. É un puzzle verdadeiramente complexo e complicado. Non debería ser tanto así. Debería haber menos especialización e máis colaboración, porque á fin e ao cabo creo que tan capacitado está un enxeñeiro industrial dunha rama como da outra.

-De todos os xeitos a demanda laboral é moi alta. Non hai suficientes enxeñeiros?

-Na época profunda da crise, entre o 2009 e o 2012, nesta delegación chegamos a ter 40 colexiados en paro de case 600. É unha porcentaxe moi baixa. Tamén é certo que temos colexiados traballando no exterior, e é un dos motivos polos que baixou o paro, porque temos colexiados traballando en Dubái, Qatar, Chile, Ecuador, Reino Unido e a India. De feito, agora mesmo estamos tendo problemas para cubrir a demanda en certos perfís profesionais.

-Son inmunes á crise?

-Afectounos a todos. A uns máis e outros menos. A vantaxe da nosa profesión é que abrangues moitos puntos. Se antes se especializaban, hoxe fan proxectos de moitas cousas distintas.