Patrocinado porPatrocinado por

E cando o sector espertou, a cigala seguía pechada

Torcuato Teixeira SECRETARIO XERAL DA OPP PESCAGALICIA

SOMOS MAR

A postura do IEO lamentablemente adoece de falta de transparencia

18 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 2020 debía ser o ano da reapertura desta pesqueira que inxustamente foi pechada no 2017 sen facer unha soa campaña científica que acreditase dito peche.

Xa no primeiro exercicio sen capturala, o sector, que non os nosos científicos, demandou da Comisión Europea unha prospección para que, aparte de non pechar unha pesqueira, tivésemos datos sobre a súa evolución. Con grandes esforzos conseguiuse implementar unha campaña científica con dúas toneladas de cigala para que durante agosto e setembro, que non son os meses máis acaecidos para este stock, se fixesen estudos coa colaboración entusiasta do sector.

Os resultados desmenten de raíz os datos meramente estatísticos derivados dos desembarques. Neles se baseou o ICES para decretar o peche. Anacrónicos corporativismos entre científicos e un IEO que é incapaz de explicar nin por que se recomendou un TAC cero para o período 2017-2019, nin por que segue recomendando outros tres anos máis sen capturas pese ás evidencias de presenza importante de cigala no caladoiro, seguen bloqueando a reapertura desta pesqueira, pechada por obra e graza dos biólogos españois. Mentres tanto, o sector segue proactivo facendo propostas de xestión por unidades funcionais, tal como recomenda o ICES, con vedas, límites de buques, medidas técnicas, etc... Todo para facer unha xestión sostible deste recurso e non decretar un simple peche da extracción que é totalmente insostible e inservible, como ben saben ademais os científicos.

A postura do IEO lamentablemente adoece de falta de transparencia (descoñécense por exemplo os datos dos buques de referencia para o cálculo do estado do stock en base a desembarques cando se decretou o peche no 2017). Dende logo é pouco solidaria co sector, sabedores de que as informacións científicas, independentemente da súa consistencia, neste caso son máis que discutibles, teñen agora enorme peso no seo da Comisión de Pesca. Parece ser que é o sector quen ten que demostrar con probas fidedignas, irrefutables e sen ningún xénero de dúbidas, que efectivamente hai cigala no caladoiro, e non só nos meses de agosto e setembro; iso si, sen poder traballar nin automostrear no resto dos meses do ano.

Para os científicos que avalían a cigala en España, dá igual o número de buques que agora operan sobre ese stock (30 menos que hai dez anos), dá igual que situacións como o derrumbe do vertedoiro de Bens ou o propio Prestige afectaran a algún dos caladoiros que antes tamén tiñan cigala pero agora se perderon. Só a súa irrefutable ciencia, antes sen campañas, e agora con campañas que non se cren, vai seguir determinando que no Cantábrico non se volverá a pescar cigala. Un despropósito que só paga o sector e polo que nunca poderemos pedir responsabilidades a estes funcionarios que tan orgullosos se senten de coñecer á perfección os ecosistemas mariños, aínda sen campañas científicas cando foi o caso, e que, por suposto, nunca van ser capaces de recoñecer a valiosa información que os pescadores aportan, porque para algúns deles os pescadores só queren pescar, e ademais seguramente pretenden enganalos.

Así pois, nestes tempos en que todos estamos de acordo coa necesidade de coidar a nosa ciencia e os científicos, tampouco debemos esquecer que os científicos aconsellan con diferentes criterios ás veces, e non teñen por suposto o don do pleno acerto e coñecemento. Sobra soberbia en algún científico, e os científicos que non poñan en dúbida os seus coñecementos, dificilmente poden ser a base para unha xestión pesqueira.

Polo tanto haberá que adoptar decisións políticas, e na cigala do Cantábrico ou se adopta unha decisión política cara a reapertura desta pesqueira sen pór en perigo o stock, que si é posible, ou non volveremos a ver a nosa cigala nas nosas prazas e supermercados nas nosas vidas. Pois iso.