Patrocinado porPatrocinado por

Toca negociar cotas: «Deus nos colla confesados»

La Voz SECRETARIO DA FUNDACIÓN FREMSS

SOMOS MAR

12 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o día. Esta vez, os ministros de Pesca e o sector desembarcarán en Bruxelas o 16 para estar frescos como as nosas sardiñas e cigalas e, cando chegue o momento, pór todo o peixe no asador o 17 e o 18 de decembro. De novo atoparémonos cos tecnócratas da Comisión de Pesca mirando o que din os tamén tecnócratas do ICES, para pór enriba da mesa, para variar, medidas restritivas para a flota do Cantábrico: hai que deixar de capturar tanta pescada nese caladoiro, hai que pensar tamén en extraer menos xurelo, e por suposto esquecerse de coller cigala, que é mellor que se morra nas súas covas que algunha rede teña o atrevemento de pescalas.

Despois están os Estados membros, cos seus intereses cruzados tentando arranxar as desfeitas que propón a Comisión. E claro, todo aderezado coa impresionante posta en escena das oenexés medioambientalistas, que nunha orxía de mensaxes catastrofistas eses días, tentarán de seguir laminando a cada vez mais reducida flota pesqueira europea, en aras dunha gloriosa sostibilidade biolóxica, que converta os nosos mares nuns parques temáticos nos que a flota reconvertida en cruceiros turísticos ensine á poboación europea o ben que o fixemos na UE, que fomos capaces de renunciar a nosa soberanía alimentaria derivada desta proteína tan saudable que é o peixe para converternos en campións da sostibilidade e en inmisericordes verdugos da pesca profesional.

Un ano mais, o aquí asinante representando a unha oenexé que mira tamén polo sector, FREMSS (Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social), alí estará apoiando á Administración española e á nosa conselleira para o que sexa necesario, convencido de que, esta vez si, o noso Goberno loitará por que se reabra a cigala no 2020, por que non se rebaixen as cotas de pescada e xurelo no Cantábrico, ou a pescada do Gran Sol, e sobre todo loitará por facerlle fronte a ese determinismo científico, e como non, a ese desapego á pata económica e social da xestión pesqueira, que a Comisión ten por bandeira nos derradeiros anos.

É hora, pois, da política de verdade, a que arranxa os problemas en que nos quere meter cada ano a Comisión coa complicidade desa institución fóra de todo control chamada ICES.

Pois nada, como se soe dicir, que Deus nos colla confesados, e que os nosos representantes políticos non se encollan ante os homes e mulleres de negro da prepotente Comisión; hai traballo feito previo, tanto pola nosa secretaria xeral de Pesca como pola nosa conselleira de Mar, ogallá se traslade ó mellor acordo para os recursos e para o sector, que o seguinte capítulo non sexa a voda roxa será a nosa encomenda.