Patrocinado porPatrocinado por

A pesca galega non quere repetir curso

Torcuato Teixeira SECRETARIO XERAL DE PESCAGALICIA

PESCA Y MARISQUEO

PEPA LOSADA

16 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo, uns dez anos, un bo número de pescadores da Coruña e outros portos marchamos a Madrid a protestar pola falta de axudas ante a carestía do combustible pesqueiro ataviados todos con camisetas azuis co lema Salvemos á pesca. A manifestación foi un éxito de mobilización e un fracaso de resultados, algo que soe acontecer nas raras veces que a pesca inicia unha protesta reivindicativa.

E fracasamos porque non só non se conseguiron as xustas reivindicacións de axudas que daquela se demandaban, senón que perdemos dende entón, debido a diversas circunstancias, moitas unidades pesqueiras. No arrastre de litoral, por exemplo, onde tiñamos unha flota de case 120 buques, a maioría deles galegos, hoxe apenas contamos con 64 barcos operativos. Como se soe dicir coloquialmente: unha verdadeira desfeita.

Ano a ano vimos repetindo curso na pesca galega, e non aprobamos a materia das cotas de pesca insuficientes, sexa xarda, sardiña agora, anchoa da IXa, bonito do norte, etcétera. Non aprobamos tampouco a de que non se pechen pesqueiras sen contar con datos científicos que avalen dita medida drástica: falemos por exemplo da nosa cigala do Cantábrico que xa leva tres anos pechada pese ós resultados das campañas que agora si se están realizando e que dan uns resultados de escándalo para escarnio dos científicos que aconsellaron, e aínda seguen aconsellando o seu peche.

Tamén suspendemos na xestión das cotas de pesca do caladoiro nacional do Cantábrico Noroeste; seguimos sen pór coto á especulación coas cotas de pesca, aos armadores de sofá e moqueta que lles sae mais rendible alugar as cotas que ir a pescalas; seguimos sen poñer límites á acumulación de cotas de pesca sen o propósito de collelas, e seguimos, en definitiva, deixando ao mercado como principal regulador da distribución das posibilidades de pesca entre os diferentes operadores.

E seguimos, por certo, sen contar na nosa Administración cun tan necesario Instituto Científico Galego de Investigación que dea apoio a pesca galega para cos mellores datos científicos facer pescas sostibles e defendernos das falcatruadas que ultimamente executa o ICES (Consello Internacional para a Exploración do Mar).

Claro que a todo isto hai que engadirlle unha das sinaturas mais difíciles e importantes que ten o sector pesqueiro: que sexamos capaces de influír politicamente nas diferentes institucións que adoptan decisións que nos fan repetir curso ano tras ano, unha sinatura clave que moitos miran con desdén sen saber o que nos xogamos con esta equidistancia da política.

E se todo isto é unha tarefa demasiado grande, pois nada sempre podemos aplicar aquilo que dicía Heny Ford de que «calquera meta, non importa o grande que sexa, pode lograrse se a partes en suficientes cachos pequenos». Pois iso, non hai escusas: a traballar, e a aprobar, claro.