Patrocinado porPatrocinado por

«A patronal conserveira está actuando en contra da DOP»

e. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia
Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia MARTINA MISER

Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, fai balance da súa etapa á fronte da entidade, da que destaca o freo á fraude na etiquetaxe

31 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Di que está a esperar a que se publique o regulamento do Consello para dicir adeus e poñer fin a súa etapa á fronte da entidade gardiá da DOP. Colgará a toalla satisfeito polos pasos que na súa etapa se deron para facer valer Mexillón de Galicia e para pór freo á fraude na etiquetaxe.

 -Teme que a impugnación que a patronal conserveira fixo da instrución conxunta poida ter que facer desandar o camiño?

-Anfaco impugnou esta instrución cunhas alegacións inxustas, incertas e contraditorias, e isto débese ao nerviosismo dalgunhas empresas contra a reposición da legalidade que está levando a cabo este consello regulador.

-Que interese pode haber en quedar á marxe da DOP, cando si interesa resaltar a orixe galega?

-Na miña opinión, Anfaco, co señor Vieites á fronte, está facendo o ridículo e actuando en contra da DOP a nivel persoal, incitando a algunhas empresas a usar mencións prohibidas levándoas a unha situación de ilegalidade que lles pode comportar graves consecuencias económicas e de imaxe comercial por utilizar mencións relativas a Galicia sen estaren amparadas pola DOP.

-Pero hai empresas conserveiras no Consello e etiquetan con DOP...

-A maioría dos transformadores de Anfaco están no Consello Regulador. É o caso dos que fabrican marca branca para Carrefour, Lidl, El Corte Inglés... Hai 88 empresas e marcas certificadas e autorizadas para traballar coa DOP con máis de 350 referencias en múltiples presentacións. Por iso Anfaco está defendendo só a un sector de Anfaco, que é precisamente o que ten produción de mexillón fóra, en Chile. Son os interesados en ocultar a orixe para enganar ao consumidor, á parte de que iso xera pobreza para a comunidade.

-Están á espera da publicación do novo regulamento. Vai cambiar algo? Conta con que será recorrido, igual que o foi o anterior?

-Nese contexto non sería de estrañar que a tardanza na publicación do novo regulamento se deba á presión que está facendo ese sector interesado de Anfaco. O texto foi sometido a consultas en todas as partes da cadea do mexillón, e será o que rexa a xestión interna do Consello. Que se recorra non vai impedir que entre en vigor.

-Despois chegarían as eleccións e di que non se vai presentar. Podería ser un transformador o próximo presidente do Consello?

-Non o vexo disparatado. Por que non?