Arantxa Toriza: «A muller aínda non ten oco na maioría de pesqueiros, pero co título recibo ofertas»

Viveirense de 28 anos, esta patroa de costa é a primeira muller que estivo ao mando dun pincheiro do Gran Sol: o Flecha de Celeiro


VIVEIRO / LA VOZ

«Non me gusta chamar a atención, pero se serve para que outras mulleres vexan que si se pode...». Aos seus 28 anos, a viveirense Arantxa Toriza acepta falar da súa experiencia como a primeira patroa de costa dun pincheiro do Gran Sol na Mariña lucense. «O mar gústame de sempre, pero non tiña ningunha relación coa pesca e só pisara un barco para ir ás luras». Única alumna do ciclo superior de Navegación, Pesca e Transporte Marítimo na promoción do 2010-2012 da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol, de «tanto oír aos compañeiros falar de pesca» mudou a idea de dedicarse á pasaxe, aos cruceiros. Non tardou en comprobar que a muller «aínda non ten oco na maioría de pesqueiros, pero co título empecei a recibir ofertas de traballo».

-Vén de rematar a súa primeira marea como segunda patroa no Flecha, o mesmo pincheiro de Celeiro no que fixo as prácticas.

-Estiven 15 ou 16 días, para facer unha substitución. Xa me chamaran antes, dúas veces, pero nunha aínda non me chegara a titulación e na outra, no verán, estaba de patroa do Catro Vellos Mariñeiros, un bote de paseo entre Viveiro e o Fuciño do Porco. Logo de tres anos sen atopar barco, no Flecha aceptáranme antes como alumna. Repartino en tres anos, porque me saían proxectos para outras cousas, remunerados, e como na vida tes que gañar, fíxeno en quendas de dous, tres e sete meses.

-E como viviu a experiencia?

-Como alumna xa me sentín ben tratada, xenial, tanto pola tripulación como polos armadores. Estou encantada e agradecida con todos e non me sentín en ningún momento discriminada. Agora, como costa, leveino ben, fun nerviosa pola responsabilidade, porque xa non era alumna, pero a tripulación dicíame que estaban aí para botar unha man, tranquilizábanme. O pesca e o motorista, que eran irmáns, portáronse moi ben comigo.

-Que fixo desde que acabou o ciclo ata que empezou no Flecha?

-Como nunca fora ao mar, no 2012 intentei atopar un arrastreiro de litoral para os dous meses de prácticas, pero non me aceptaron e fíxenas nun remolcador do porto de Alcoa, en San Cibrao. Non encontraba pesqueiro como alumna, estaba no paro e fixen un curso de informática, que tamén me viña ben para o barco, que está cheo de ordenadores. Chamáronme para un programa Erasmus, non relacionado coa pesca, e por iso no 2015 vivín dez meses en Italia.

-Cando non a admitían nos pesqueiros, que lle dicían?

-Na escola vin que podía dedicarme á pesca e sabía que había traballo, pero o caso é que me queiran, porque seguen poñendo a mesma escusa. Na maioría de pesqueiros a muller non ten oco, aínda nos exclúen porque ven problemas en compartir camarotes e baños. Como alumna, tiven que compartir camarote e non houbo ningún problema, pero non tiven un baño especial para min, é tan simple como usalo igual ca nunha casa na que hai un.

-Cambiou algo desde que xa pode exercer o mando?

-No Flecha empecei porque miña avoa coñecía a un armador, pero desde que entrei nunca lles importou que fose muller. A partir de que recibín o título empezaron a chegar propostas de traballo, aí xa non importaba que fose muller. Recibín ofertas para ir nun pincheiro de cociñeira, pero rexeiteino, obviamente, porque nin estudei para ir na cociña nin teño moita idea e, ademais, ser cociñeira no Gran Sol non é moi fácil. Antonte chamáronme para ir de costa nun barco de Vigo unha marea. Estou pensando a oferta de ir de segundo oficial nun barco ás Malvinas, unha campaña de catro meses.

-Os armadores quéixanse da falta de titulados, de tripulantes...

-Para que a xente nova queiramos ir ao mar teñen que ofrecernos propostas apetitosas, non somos coma a xente de antes. Non quero estar todo o ano metida no mar, xa se poden esquecer. Dependendo de en que barco, gañas bastante, pero a custa de que? Non vas embarcar para gañar case o mesmo que en terra, porque no mar traballas unha pila de horas, fóra da casa, non estás cos teus... E mallado, porque, por exemplo, durante o inverno pasado, de novembro a marzo no Gran Sol non tivemos nin un triste día de calma.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos
Comentarios

Arantxa Toriza: «A muller aínda non ten oco na maioría de pesqueiros, pero co título recibo ofertas»