Patrocinado porPatrocinado por

Rita Míguez de la Iglesia: «Hai que loitar por adiantar o retiro; non me vexo mariscando aos 67 anos»

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

CESAR QUIAN

A presidenta de Anmupesca e patroa maior de Arcade cre que a muller está no momento idóneo para acadar os seus obxectivos a través do asociacionismo

15 ene 2018 . Actualizado a las 10:55 h.

Podería dicirse que de casta lle ven ao galgo, aínda que a Rita Míguez (Cesantes, 1973) esa casta lle veña pola familia política. Si hoxe é mariscadora foi polos azos da súa sogra Consuelo, histórica presidenta das mariscadoras de Arcade. E non titubeou para poñerse ao fronte da confraría nin para poñer o seu nome na única candidatura á presidencia de Anmupesca, a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca, que se constituíu hai case dous anos cun claro obxectivo: dar visibilidade á muller e poñer o foco na parte feminina dun sector no que, así, de xeito xeral, sempre se lle pon xénero masculino.

-¿Por que non se ve á muller da pesca?

-Basta pararse en que de 63 confrarías que hai en Galicia, e nos cargos directivos, como patroas ou vicepatroas maiores apenas seremos unha ducia ou pouco máis. É certo que iso antes era impensable, e que xa demos moitos pasos ao noso favor. Foi impresionante a loita das mulleres das confrarías coa Administración, para agruparse, profesionalizar a súa labor, cotizar á seguridade social... Elas empezaron a petar nas portas para dicir aquí estamos. Elas deron un paso e agora o noso deber é seguir con outro paso máis adiante.

-¿Faltan moitos pasos para acabar o camiño, para que se fale da pesca tamén en feminino?

-En Galicia, máis ou menos estamos asociadas e, dentro do que cabe, ben organizadas. Por iso dixemos de ir un paso máis e ese paso foi montar a asociación nacional. Agora temos que ir a Madrid e que se nos escoite, contar en primeira persoa cales son as nosas reivindicacións. E despois de aí, a Europa, porque todo sae da UE... É dicir, unificarnos todas, de todos os países e de calquera sector. As mulleres estamos en toda a cadea da pesca: no momento en que se confeccionan as redes para que os barcos saian a pescar e somos as que imos á praza e compramos o peixe para levar ás nosas mesas. Por iso creo que temos moito que aportar ao sector e o que reivindicamos é que se nos valore, que se vexa a achega das mulleres. Cando se fala de pesca a imaxe que temos é un pouco en masculino; pois temos que facer ver que nós tamén estamos aí.

-Hai sectores nos que a presenza da muller é aplastante, como o marisqueo. ¿Tamén aí hai os mesmos problemas de invisibilidade?

-Cando nos xuntamos é para sumar, para defender un sector con axuda de todos. Pero temos que loitar polos problemas que temos as mulleres da pesca, xa sexan enfermidades profesionais, intrusismo laboral, distintos salarios... Hai campos no que as mulleres fan o mesmo traballo que os homes e, sen embargo, cobran bastante menos.

-¿Cobra menos unha mariscadora de Arcade que un mariscador?

-Eles cobran máis, pero porque traballan máis horas. Non é precisamente no marisqueo onde se dan as diferenzas salariais. No caso das redeiras, por exemplo, si que hai unha brecha importante. Moitas están cosendo redes por uns cartos e os mariñeiros que cosen nos barcos cobran moito máis cando fan o mesmo traballo que elas.

-Fálase agora de embarcar a mulleres en barcos de altura. ¿Se consigue a igualdade poñendo mulleres en cuberta?

-Non é ese o problema. Non se trata de acadar así a igualdade. E que hai mulleres que sacan o título de capitana e non teñen a posibilidade de traballar porque ninguén as embarca polo feito de ser mulleres e non poden facer as horas de mar.

-¿Por que non as contratan?

-Iso non mo tes que preguntar a min [risas]. Iso é o que queremos solucionar. Dinche que é porque os barcos de altura non están acondicionados para levar mulleres a bordo, porque ao mellor teñen que poñer un baño aparte, ou facer reformas... Pero iso non é un impedimento. Polas leis de igualdade, cada vez que se constrúe ou moderniza un barco, xa se debería pensar en que hai mulleres que están estudando, moitas máis que homes e con mellores notas, que necesitan facer prácticas para coller experiencia. É o mesmo que se estudas enfermería e tes que facer as prácticas nun hospital; no mar, telas que facer a bordo de un barco.

-Anmupesca acaba de estrear páxina web. ¿Que se pretende?

-Dar un paso máis cara a visibilidade da muller e intentar que a xente nos coñeza, integrar o máximo de asociacións (xa somos 21) e mulleres posible, e traballar con elas para coñecer ao sector, seguir escoitándoas, ver os problemas que hai e intentar cumprir algúns obxectivos comúns.

-¿E cales son eses retos?

-A revisión dos coeficientes redutores da idade da xubilación, para nós, é fundamental. Temos que loitar por iso, porque non me vexo con 67 anos traballando na praia. Non me vexo eu, nin se ve unha redeira, nin unha armadora, nin unha percebeira. Temos que profesionalizar aínda máis o noso traballo e lograr o recoñecemento para as nosas enfermidades laborais. Tamén trataremos de impulsar ás mulleres para que asuman o liderazgo e participen nos órganos de goberno, pois é aí onde se lles vai escoitar e onde van poder resolver os seus problemas.

-¿Por que lle custa tanto á muller poñerse á fronte?

-Levamos tantos anos na escuridade, tantos anos escondidas, que nos custa, pero iso se soluciona perfectamente con formación, intercambio de experiencias, foros, falando coas mulleres... Estamos no momento idóneo, creo que o asociacionismo é o instrumento fundamental para acadar os nosos obxectivos.