Patrocinado porPatrocinado por

Juan José Blanco: «Hai amigos enfrontados polas cotas»

F. Fernández REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Diego Alonso Freire

Blanco, que repetirá outro ano como presidente da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia, clama pola unión do sector para voltar ás cuotas diarias por barco

02 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Por desexo dos seus compañeiros, expresado o sábado pasado en asemblea, Juan José Blanco Agraso repetirá outro ano máis (e xa van dous) como presidente da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga). Pero seguirá un pouco ao seu pesar. «Non o tomo nada ben, e os da miña casa, menos», confesa rindo.

-¿E iso, logo?

-Ten que entrar xente nova, un non pode quedar moito tempo nun mesmo sitio.

-¿É tamén por falta de tempo?

-Tempo teño, que estou xubilado [ten 63 anos], pero hai outras persoas que poden facelo mellor e hai moito que pelexar.

-¿Por exemplo?

-Na volta de dous ou tres anos se desfixo todo o que conseguíramos, non temos seguridade ningunha. Hai que volver aos cupos diarios por barco, porque os tivemos durante 35 anos e foinos moi ben. Espero que veña xente nova con sentido común.

-¿Diría que o sector está máis dividido que nunca?

-O sector non está dividido, dividiuno a política, que é diferente. Os que eran amigos agora están enfrontados polo reparto das cotas.

-A culpa foi das capturas históricas, claro.

-Pois si, meteron as capturas históricas no 2013 e aínda non sabemos como.

-E cando vostede empezou a traballar no mar, ¿podían capturar todo o que lles viñera en gana?

-Son de Portosín, empecei aos 13 anos a ir ao mar cuns tíos meus. Daquela non había cupos, ata que no 85 sacaron unha orde de reparto por barco e día. Foi cando mellor nos foi, eramos todos iguais, ata o 2013. Dende entón hai dúas velocidades, ricos e pobres. Había que volver ao cupo igual para todos. Xa se ve que estamos gañando todas as sentenzas contra o plan de xestión do Cantábrico, non fixeron un bo reparto e hai que cambialo.

-Pero ¿cre posible volver a pescar case sen límite, como cando comezou vostede?

-Non, non, pero si ter cupos diarios por barco para facer unha pesca responsable. Seguro que para a próxima lexislatura hai máis sentido común e nos sentamos todos para facer un reparto co para que todo o mundo poida pescar e vivir.

-Afronta un ano máis como presidente de Acerga, ¿cales son os principais retos do cerco galego?

-O primeiro que temos que ter é estabilidade e coidar dos caladoiros, traer cartos, non peixes. Quero dicir que é mellor traer menos para que custe algo máis en lonxa e non traer moito para que che dean pouco por el.

-Aparte do reparto de cotas, o pan de cada día é a escaseza de especies como a sardiña, a xarda ou o bocarte. Contra iso, ¿que se pode facer?

-Hai cincuenta anos tivemos que marchar de Portosín e ir para Sada porque se esgotaban as pesqueiras. Iso sempre pasou, pero se recuperan se as deixas desovar. Agora estase recuperando a sardiña, por exemplo, despois de dous anos sen ela case. Os científicos teñen superestudado cando desova e cando non cada especie, e hai que adaptarse. Iso é o que temos que facer. Sempre se lle bota a culpa de todo a Bruxelas, pero os males os facemos na casa, eles solo queren unha pesca responsable.

-¿A cantas manifestacións iría na súa vida?

-Hai 30 anos nos encerramos na Casa do Mar da Coruña por un problema coas cotas á Seguridade Social. E dende aquela solo nos dous últimos anos, no 2014 e no 2015, fixemos moitas folgas. Esperemos non ter que volver á rúa.

-Se volvera nacer, ¿a que se dedicaría na vida?

-Ao mesmo. Teño un oficio que me encanta, co que fun gañando para vivir. Agora tamén os meus fillos dedícanse ao mar.

-¿Sardiña, xarda ou anchoa? ¿Ou quizais un bo chuletón?

-¡Uf! O peixe, que non me falte. Se teño que elixir, sardiña, xurelo e xarda, por este orde. E tamén un bo chuletón non está mal.

«Dende o 2013, cando estableceron o criterio das capturas históricas, hai ricos e pobres»