Patrocinado porPatrocinado por

Un novo rumbo para a flota do Cantábrico Noroeste

Torcuato Teixeira FIRMA INVITADA

SOMOS MAR

08 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As recentes xornadas organizadas pola Consellería do Mar co título de O sector pesqueiro galego: trazando rumbos de futuro, supuxeron non só un gran acerto na súa concepción, senón que chegan xusto no momento en que temos enriba da mesa temas esenciais para esta flota: obriga de desembarque da totalidade das capturas, elaboración de plans plurianuais rexionais, revisións dos regulamentos de medidas técnicas e de control entre outras cuestións.

Temas todos estes o suficientemente transcendes para que durante dous días todos os representantes do sector pesqueiro galego, unidos todos cun mesmo obxectivo, sen distinción de segmentos, e coa presenza de expertos e Administracións fósemos capaces de debater, e o que é mais importante, chegar a conclusións e propostas que podan alumear un rumbo para as embarcacións que non sexa o do precipicio económico e social dos despezamentos, senón un rumbo dun futuro que vaia encamiñado a consolidar a cada vez máis reducida flota que nos queda neste caladoiro.

Porque en Europa, mentres España segue apostando por reducir flota, outros Estados apostan por consolidar a súa e incluso algún deles aumentala, como a envexada Irlanda, porque saben que España reduce flota pero o seu mercado segue aí, e ese pastel é moi apetitoso para moitas embarcacións que ven unha grande oportunidade no noso mercado, unha vez que nós, cada vez somos menos capaces de autoabastecer a nosa propia demanda de produtos pesqueiros, porque levamos tempo renunciado en España á unha das mais importantes soberanías, a alimentaria.

Por iso é de salientar que ditas xornadas poden ser o punto de inflexión para dar un xiro de 360 grados e apostar, por exemplo, para que dunha vez por todas España traballe por conseguir para o Cantábrico o establecemento de unidades de poboación para a nosa xarda e xurelo, co seu TAC (totais admisibles de captura) e modelo de xestión específico, que fagan que os nosos pescadores non dependan de macrostocks nos que a flota do Cantábrico sempre perde, e onde sempre gañan Estados comunitarios como Gran Bretaña, Dinamarca ou Irlanda. Ou incluso Estados extracomunitarios como Noruega ou as illas Feroe, que ven como as súas flotas se consolidan mentres as do seu competidor do sur retíranse sen tan sequera prantexar batalla.

Creo que o sector, parafraseando a Rosa Luxemburgo, non se move, e non se da conta das súas cadeas, pero, e se algo se moveu por fin? E as cadeas, xa as vemos todos, incluída a Administración Española, responsable política desta cegueira e inmobilismo.

Torcuato Teixeira é Secretario da fundación FREMSS