Patrocinado porPatrocinado por

José Blanco: «Imos seguir loitando para que todos teñamos o mesmo dereito a pescar»

SOMOS MAR

MARCOS CREO

O cerco galego admite que ten que volver ao mar porque as empresas non poden aguantar máis a inactividade

20 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fiando refráns, axiomas, tautoloxías e inducións con verbas sinxelas e cunha lóxica imbuída dunha experiencia de 35 anos no mar, José Blanco sostén que todos os mariñeiros do cerco galego teñen os mesmos dereitos a pescar. E esa loita seguirá aínda que o domingo se levante o campamento que durante tres meses tiveron diante de San Caetano.

-Volven ao mar e levantan campamento. ¿É unha derrota?

-Non. Nestes tres meses que levamos aquí [no campamento] fixemos un traballo inmenso. Hai barcos que non tiñan cota e a Administración non o quería recoñecer. Agora admiten o problema e vano corrixir en parte, vanlle recoñecer un dereito que teñen como temos os demais. Se perdeu de gañar moito diñeiro, pero gañamos en unión. É algo do que estou máis contento, da unión que tivemos para loitar, que non se consigue facilmente.

-¿Botaron contas das perdas?

-A media ha de andar entre os 150.000 e 160.000 euros por embarcación. Levamos amarrados dende mediados de outubro e xa só os barcos grandes que ían ao País Vasco á sardiña deixaron de gañar 120.000 euros máis ou menos. E perdemos cartos, porque tivemos gastos, pero non estamos arrepentidos nin preocupados por perdelos. Ao contrario, estamos satisfeitos de que a Xunta e Madrid recoñeceran que todos os barcos teñen dereito a cota. Era unha inxustiza o que se estaba a facer. Estábase levando a moita xente á ruína e marxinando a sabendas. A Administración nunca debeu consentir que chegaramos a onde chegamos, porque levábamos dous anos denunciando que había barcos que ían á ruína. Non conseguimos todo o que queríamos, pero imos seguir loitando para que todos os mariñeiros teñan os mesmos dereitos.

-Pero agora esa loita farase dende o mar...

-Temos que ir traballar, porque senón as empresas se arruinarían. E de pouco nos vale que sigamos loitando se cando conquistemos o cen por cen do que pedimos non temos empresas para ir ao mar. Por iso acordamos levantar campamento.

-¿Houbo división? ¿Había quen quería seguir?

-Si. E non eran armadores dos que menos cota teñen. E iso é digno de apreciar e agradecer. Porque tamén houbo na asociación xente que estivo con nós cando tiña pouco cupo e cando chegaron os incrementos foise porque xa non quería repartir. Se eu teño un caramelo e o estou a compartir porque me beneficia, o que non pode ser é que tan pronto me dean outro collelo e marchar. Pero todo isto que está pasando, esta división, só se dá nesta autonomía. -¿Será cousa entón da idiosincrasia do mariñeiro galego?

-¡Home claro! Os galegos somos moito de conveniencia. Pouco a pouco a xente tense que dar de conta de que non podemos ser así, tan para cada un. Todos somos galegos e temos que repartir. Tanto é así que o que nós estamos pedindo xa o adoptaron en Cantabria. Tamén estaban enfollonados (sic) e o que tiña máis quería marchar da xestión conxunta, pero foi o consejero, xuntou a todos os seus mariñeiros e acordaron repartir como pedimos nós, por tripulante, barco e día. O que nós cremos que é máis xusto para todos. En Asturias, igual. Puxeron toda a cota nun fondo común e puxeron cupos diarios, cando se acaben as toneladas, acábanse para todos. Aquí, a conselleira non está pola labor. Está por dividir a flota. E iso está demostrado, porque teñen cartas na manga de sobra para unir á flota, se queren. O que terá que explicar é por que en vez de defender ao 80 % dos barcos apoia a 4 ou 5 que son os que teñen máis de 200.000 quilos. Catro barcos non manteñen un país, por moito que a conselleira crea que si. Pero iso non só pasa co cerco. Tamén coa lei de acuicultura. Se se supón que os gobernantes están mirando polo ben da autonomía e sacan unha lei que o pobo non quere, porque non hai mariñeiro, nin mariscador que a queira, ¿que interese ten en seguir desenvolvéndoa, pregunto eu?

-Dende a Administración repróchanlles aos de Acerga que non fixeron xestión do seu cupo.

-Esa é unha mentira tan grande que non cabe na autonomía. Primeiro, nós lle estivemos a sacar as castañas do lume á Administración, que autorizou aos armadores a mercar un barco e despois deixounos sen cota tirados da man de Deus. Ao mellor o que pretendían era arruinar ao 70 % da flota galega, porque iso era o que nos quedaba, se sobrevivimos foi porque nos xuntamos e repartimos como irmáns. Despois, en Acerga, doce barcos que temos entre 120.000 e 130.000 quilos, tivemos que repartir con vinte que teñen menos de 50.000: se iso non é xestionar que baixe Deus e o vexa. Gustaríame ver como xestionaba o secretario xeral. Xa lles gustaría a eles xestionar a autonomía como nós xestionamos Acerga. Non estaría a xente como está, tirada á porta dos hospitais por falta de camas. Iso seguro.

-¿É certo que hai quen aproveitou o paro para alargar o barco?

-É verdade. Eu mesmo o alarguei hai dous anos. E coma min moitos, tamén os armadores que fan xestión individual alargaron os barcos. Non é para pescar máis, senón porque haille que dar estabilidade aos barcos, porque os de ferro de menos de 25 metros poden dar a volta. Ao mellor é o que queren a conselleira e o secretario xeral, que non se alargaran os barcos para que deran a volta e quedaran co cu para arriba. Tamén é unha forma de quedar sen flota. ¿Ou lles molesta que se lle dea a gañar a estaleiros, a mecánicos...? Pois se lles amola, que saiban que nós tamén imos loitar para que quen teña un barco pequeno poida ter un grande como os demais. -¿Haberá reconciliación?

-Eu nunca tiven nada contra os da xestión individual. Só defendo que todo o mundo sexa igual. Persoalmente me gustaría que o sector estivese unido, para pedir máis cota para Galicia e repartila xustamente. Cando empecei hai 35 anos, ninguén me dixo que en vez de 7 días só podía ir 3 ao mar. Por iso non entendo que xente que empezou de aquela agora consinta en marxinar a persoas que teñen o mesmo dereito que os demais a pescar.