Patrocinado porPatrocinado por

Carta ao comisario Vella

Torcuato Teixeira TRIBUNA

PESCA Y MARISQUEO

11 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Señor Karmenu Vella, a Unión Europea, incluída a Comisaría de Asuntos Marítimos e Pesca que vostede dirixe, ten un problema coa pesca galega: saben que é a rexión Europea máis dependente da pesca, dada a súa importancia e peso na economía de Galicia -10 % da capacidade da totalidade da flota europea medida en GT (toneladas de arqueo), 8 % de todo o emprego da pesca na UE, e emprego directo a máis de 38.000 persoas-, pero non se nos ve.

Ou tal vez se nos ve, pero non interesa actuar en congruencia con esta realidade social e económica, o que agravaría aínda máis este xenocidio económico e social que nos derradeiros cinco anos fixo que unha flota tan renovada, punteira e básica e vital en moitos portos de Galicia, como é a do arrastre de litoral que faena no Cantábrico Noroeste, pasara de ter 117 unidades a estar composta por apenas 85 barcos.

Señor comisario: a rendibilidade da pesca en Galicia da que fala, hoxe consiste en retirar buques da actividade pesqueira, algúns deles con apenas dez anos de antigüidade. A rendibilidade da pesca en Galicia consiste en ter a flotas como a do cerco, volanta e arrastre que traballan no Cantábrico Noroeste sen apenas cotas de pescada, xarda, bocarte ou xurelo para poder ter unha rendibilidade mínima que permita seguir apostando por traballar neste estratéxico sector económico.

Asignación de cotas

Señor comisario: hoxe, os pescadores de Galicia quixeran ser noruegueses, das Illas Feroe ou británicos, pero nembargante pertencen a un Estado, España, ao que a UE maltrata na asignación de cotas á súa flota, e o remata con normativas regulamentarias feitas con total e absoluto descoñecemento da realidade pesqueira. Señor comisario: a Comisión debe actuar e impulsar políticas que fortalezan a actividade económica e social das rexións máis dependentes da pesca, os plans plurianuais poden ser unha oportunidade, pero para iso deben prantexarse alternativas que deriven, non só na sustentabilidade biolóxica dos recursos, senón tamén na sustentabilidade económica e social do sector.

Por só o foco no biolóxico pode levar a conseguir uns stocks hiperabundantes e unha flota hipermenguante, non queremos ser carne de chatarra, queremos ser futuro para hoxe e para mañá.

Torcuato Teixeira é secretario da Fundación Rendemento Mínimo Sostible e Social.