Xosé Manuel Felpeto: «Pódese vivir sen cultura, pero para nós é unha obriga que se coide o patrimonio»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

XERMADE

Felpeto di que unha asociación traballa por amor á terra.
Felpeto di que unha asociación traballa por amor á terra. PALACIOS

Leva 25 anos presidindo a asociación veciñal de Cabreiros, moi activa en Xermade

06 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Que unha asociación de veciños cumpra 25 anos desenvolvendo actividades que son coñecidas fóra da súa parroquia ten mérito. Que o primeiro presidente aínda continúe no cargo tamén ten unha parte merecente de recoñecemento. Velaí, pois, dous trazos que fan singular ao coletivo veciñal de Cabreiros (Xermade), que tivo como único presidente a Xosé Manuel Felpeto (1961).

Iniciativas como as Xornadas Interxeracionais Rurais ou a Invernada de Cine amosan o dinanismo do colectivo, que ten máis de 200 socios. O interese que xera esta asociación reflíctese en que unha parte dos socios son doutras parroquias ou mesmo doutros concellos.

-Que achega unha asociación coma esta á vida dun concello coma o de Xermade?

-Cando comezamos, tiñamos catro puntos básicos. O primeiro era mirar pola estrutura propia da parroquia. Había cousas que mellorar: sen ir máis lonxe, a antiga escola. Tamén tivemos claro que o primeiro era a xente: todo aquel que tivese algo que dicir debería ser escoitado. Logo tiñamos dous campos máis amplos: o da cultura, mergullándonos con outras asociacións das que temos aprendido moito (A Asociación Cultural Xermolos, Nova Escola Galega, o Instituto de Estudos Chairegos...), e o do patrimonio. Con eses piares houbo un traballo de longo percorrido, e niso estamos. Hai algo claro: sen cultura non se vive. Pódese vivir sen cultura; pero para nós é unha obriga que o noso patrimonio se coide.

-Mellora a calidade de vida no rural co traballo dunha asociación?

-Un dos problemas que ten a xente maior, nas cidades ou no rural, é a soidade. A nosa asociación é iso: con quen temos que estar? Cos socios, cos veciños, con quen se queira achegar...

-Cansa o labor de traballar nunha directiva?

-Sempre hai cousas que facer. Antes de marzo temos que pechar o programa das Xornadas Interxeracionais Rurais. Nun concello con tres funcinarios non sería moito esforzo; aquí temos que facelo persoas que temos outras ocupacións. Tamén temos que innovar. Pero non cansa porque recibimos o cariño da xente. Doutra maneira non teriamos durado 25 anos. Teño na directiva un equipo formidable, non podo queixarme.

-Que supón tanto traballo para quen ten que organizar?

-Todos os que máis ou menos levamos unha vida mergullados nun labor social buscamos iso; falo por amor á túa terra. Sabes que ese traballo che vai achegar a satisfacción do labor ben feito.

-Consegue máis autoestima o medio rural co traballo dunha asociación coma a de veciños de Cabreiros?

-Creo que si. A asociación foi un xermolo para emprendedores, para novas iniciativas. Aquí tense falado de proxectos de todo tipo. Onte mesmo [o venres] , nunha reunión, falouse do proxecto que se está a facer en Friol [as permutas de terreo par uso agrícola ou gandeiro]. Gústanos que veña xente explicarnos o que fai porque queremos aprender.