O PSOE reclama o arranxo urxente da estrada de Cabreiros a Momán

la voz LUGO

XERMADE

Patricia Otero cos alcalde de Xermade e Guitiriz, e edís da comarca
Patricia Otero cos alcalde de Xermade e Guitiriz, e edís da comarca CEDIDA

Levará a petición ao Parlamento galego para que se mellore esta vía de Xermade que se emprega para ir ao polígono, conectarse coa A-6 e pasar ao concello das Pontes

04 sep 2020 . Actualizado a las 16:34 h.

A secretaria provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e deputada autonómica, Patricia Otero, avanzou este venres que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama arranxar de forma urxente a estrada LU-170 entre Cabreiros e Momán, «co fin que sexa segura para os seus usuarios e permita o acceso de vehículos especiais ao polígono industrial de Xermade».

Otero fixo este anuncio acompañada do alcalde de Xermade, Roberto García, así como coa rexedora de Guitiriz, Marisol Morandeira; o tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández, o tenente de alcalde de Muras, Mario Rouco, o deputado autonómico, Luis Álvarez e os concelleiros de Xermade, José Prieto e Nélida Coira.

A voceira de Infraestructuras comprobou en Xermade a situación deste vial, «onde lembrou que tanto a veciñanza desta Comarca que se manifestou publicamente, así como os grupos políticos e a Federación Provincial de Asociacións de Veciños levan anos solicitando á Xunta de Galicia que arranxe a estrada LU-170 no seu tramo Cabreiros-Momán, xa que tal como se pode constatar atopase nun estado deplorable e perigoso cun firme deteriorado, curvas de difícil trazado e un ancho deficiente», sinalou a deputada socialista.

A deputada autonómica reclama a través destas propostas parlamentarias «arranxar este tramo, porque ademais de perigoso ten paralizado o polígono industrial da localidade xa que os transportes especiais non poden acceder a este espazo dificultando así o desenvolvemento económico do concello de Xermade».

Otero replica que «apoiar ao rural precisa de investimentos que permitan desenvolver a súa economía, e neste caso o arranxo do tramo Cabreiros Momán sería un impulso ao tecido empresarial de Xermade, máis necesario  agora se cabo pola crise producida polo covid-19, ademais de beneficiar aos concellos do seu trazado. Neste senso precísase que a provincia de Lugo estea ben comunicada entre si e tamén co resto de Galicia. Ademais este vial é a estrada que se emprega para acceder á provincia da Coruña, xa que de Momán sae unha estrada que enlaza coas Pontes».

«Promesas de 2011 e 2015 incumpridas»

A secretaria provincial advirte que «Núñez Feijoo xa se comprometera a realizar estas obras no 2011, incluso foi publicado un proxecto no DOG que contemplaba actuacións como a; mellora de interseccións existentes por medio de cuñas de cambio de velocidade; reforzo do firme; definición novos cambios de sentido, ou a construción dunha nova glorieta que permite modificar a intersección entre LU-170 coa LU-2205 a Miraz, e a LU-2213 co parque empresarial de Xermade. Pero todo isto quedou plasmado nun papel, case 10 anos despois, nada de nada, solo fume».

O rexedor de Xermade, Robert García, sinalou que a mellora desta vía axudaría a que puideran utilizar 200.000 usuarios a través deste tramo, para conectarse coa area de Santiago. «Merecemos unhas vias de comunicación seguras, axeitadas e dignas. A pasada lexislatura Feijoo anunciou a bombo e platillo que ía ser a lexisltarura do rural, pero en Xermade podemos comprobar que foi a lexislatura do abandono do rural», concluíu.