Aparece un novo castro no concello de Xermade

LA VOZ LUGO

XERMADE

Asentamento da Chousa do Castro, localizado en Xermade
Asentamento da Chousa do Castro, localizado en Xermade cedida

Tamén apareceron tres mámoas, restos cerámicos e puntas de frecha do período Neolítico

27 jul 2020 . Actualizado a las 13:34 h.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e a asociación de recreación histórica de Lugo, Tir Na n'Og, veñen de documentar un castro e tres mámoas no concello de Xermade. Os xacementos non figuran recollidos nin no Plan Básico Autonómico, recentemente actualizado, nin no novo visor de Aproveitamentos Forestais da Xunta de Galicia, onde se recollen os bens patrimoniais catalogados.

O castro localizouse na parroquia de Miraz, nun lugar que conserva o nome de Chousa do Castro, a 525 metros de altitude. Ten unha forma ovalada e, aínda que se atopa alterado polos sucesivos usos agrícolas ao longo dos anos, obsérvanse restos da muralla que o circundaba en case todo o seu perímetro. No concello hai documentados case unha vintena de asentamentos deste tipo, a maioría en deficiente estado de conservación.

En canto ás mámoas, dúas foron descubertas na parroquia de Cazás e a terceira delas, que sería a de maior tamaño, na Pena dos Corvos (parroquia de Molmeán). Nas inmediacións vese un chanto que puido formar parte da cámara megalítica.

Xermade atópase entre os concellos de Galicia con maior número de enterramentos do período Neolítico. No municipio tamén apareceron restos cerámicos, puntas de frecha, machados, prismas de cristal e incluso un betilo. Os achados xa foron comunicados por rexistro electrónico ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo para proceder á súa catalogación.