O premio de investigación histórica de Xermade acada a sétima edición

Os traballos deben dedicarse a cuestións de cultura popular


VILALBA / LA VOZ

O Concello de Xermade, a Asociación de Veciños de Cabreiros e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de convocar, un ano máis, o premio de investigación denominado Xermade na historia. A iniciativa acada xa a sétima edición.

O premio inclúe a posibilidade de presentar traballos de investigación sobre cuestións variadas (tradicións, ritos, contos, arquitectura popular, etcétera), cunha extensión que deberá situarse entre os 50 e os 400 folios. As fotos, os planos ou a biliografía que se inclúan en cada traballo farán parte da extensión total. Entregaranse dous premios: o primeiro será de 2.000 euros, e o segundo, de 1.000.

O prazo de presentación dos traballos remata o 19 de febreiro do vindeiro ano. O alcalde de Xermade será o presidente do xurado, no que haberá catro vogais: un deles, o presidente da asociación veciñal da parroquia de Cabreiros, e os outros tres, especialistas en cuestións relacionadas co patrimonio cultural. A composición de todo o xurado anunciarase antes do 19 de marzo do 2021. As obras gañadoras poderán ser editadas polo Concello nun prazo de cinco anos, e pasado ese tempo os autores poderán empregalas libremente. Cada autor poderá presentar ao premio todas as obras que desexe.

Deserto

O premio poderá ser declarado deserto. A decisión de convocalo xurdiu dentro das Xornadas Interxeracionais Rurais que se celebran en Cabreiros dende a pasada década, con actividades variadas que teñen acadado unha ampla participación veciñal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O premio de investigación histórica de Xermade acada a sétima edición