Xermade recupera o seu batán

Esta máquina vaise reconstruír polo gran valor histórico que alberga

M. C.
lugo / la voz

Despois de atravesar a parroquia de Lousada de Xermade e chegar á igrexa, vai haber un indicador que nos sinale como se vai ao monte Folgoso. Un monte sen ningún aquel, un coma outro calquera, se non fose porque alberga nel unha ruta que mostra os diferente muíños e batáns que se empregaban ata o século XIX. Este traxecto é máis coñecido como a Ruta do batán de Folgoso.

O batán é unha máquina hidráulica que funcionaba coa forza da auga do río para facer de tecidos abertos outros máis tupidos, aínda que unha das veciñas desta zona de Folgoso explica que «se usaba para lavar as mantas gordas que se facían de la e que pesaban moito como para lavalas á man». O seu funcionamento foi parello ao dos muíños, aínda que colleron a fama máis adiante. De feito, neste monte o batán ten ao lado un muíño.

Para chegar a el, é preciso subir todo o Folgoso ata chegar a unha casa dun veciño chamado Manuel. É unha zona habitada, pero as casas están moi espalladas. Por diante da casa deste señor hai unha corredoira que nos leva ata esta máquina, e pola que hai que ir a andar. O camiño delimitado polas chantas é estreito, pero o que se atopa ao final do sendeiro merece a pena: séculos e séculos de historia que están sendo renovados por unha iniciativa do Concello de Xermade e do Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Lugo, organismo dependente da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

O seu funcionamento

A súa actividade dependía da forza da corrente da auga, co cal a súa localización sempre era ás beiras do río. O fluír do río facía mover unha roda hidráulica e esta poñía en funcionamento uns mazos que se encargaban de golpear os tecidos. Tamén había unha cuba onde se pousaban as teas. Adoitaban estar feitos de madeira de carballo. O canal que conducía a auga ata a roda tiña que ter unha forte pendente. Á vez, había outro canal máis pequeno que levaba auga á cuba para que as roupas estiveran molladas e non se desgastasen co rozamento dos mazos, o que tamén servía para manter frescos os soportes do eixe.

Tal e como comentaban na zona, os batáns servía para lavar, pero tamén para rematar o proceso de fabricacións das teas, que podía durar ata 30 horas.

Agora, están intentando reconstruír dende o Concello e a Xunta a roda do batán, para recuperar este ben protexido. Un ben histórico que está catalogado no Patrimonio Cultural de Galicia e a protección que ten aféctalle tanto a el como ao seu contorno.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Xermade recupera o seu batán