A «Historia de Galicia» de Ramón Villares, traducida ao francés

As Prensas Universitarias de Rennes publican a obra, cun prefacio do hispanista Jean- François Botrel

Ramón Villares, retratado en Bonaval
Ramón Villares, retratado en Bonaval

redacción / la voz

Terre de Galice. Histoire d’un finistère européen é o título da edición francesa do gran clásico de Ramón Villares (Xermade, 1951), que veñen de publicar as Prensas Universitarias de Rennes. O volume leva un prefacio do hispanista Jean-François Botrel, bo coñecedor da realidade galega e española, especialista no século XIX e tradutor de Clarín.

A edición chega despois do nomeamento de Villares como doutor honoris causa en Rennes, onde pronunciou un discurso que sintetizaba as liñas xerais da súa Historia. No contexto do interese mutuo entre Galicia e Bretaña -a participación galega este ano como cultura convidada no Festival de Lorient é só unha mostra máis dunha longa relación- o volume pon de relevo a posición galega na fisterra peninsular, pero que ao mesmo tempo facilita a súa conexión atlántica e europea. «Hai certas semellanzas entre un territorio e outro», coincide o historiador, quen non obstante aclara que o seu libro ten por obxectivo chegar ao lector alén desas confluencias e apelar a franceses, canadenses ou suízos con interese en Galicia.

Xa que logo, este Terre de Galice achegaralles a estes lectores unha visión detallada do devir histórico de Galicia, que tradicionalmente só ocupa apenas unhas liñas na historiografía xeral española, na que aparece con certo protagonismo no período medieval. Villares sostén que para un público francés hai coincidencias na súa propia historia e na de Galicia, como, por outra banda, tamén acontece noutros lugares de Europa, pero neste caso existiron vencellos destacados como a presenza de monxes, bispos ou arquitectos galos en Santiago: aínda hoxe a ruta francesa é a máis importante e frecuentada nos camiños composteláns de peregrinación.

Terre de Galice foi traducido directamente do galego ao francés -algo do que Villares se sinte especialmente satisfeito- por Béatrice Pépin, que fixo «un traballo impecable», segundo o historiador. Logo o texto foi sometido a diversas revisións e axustes, tanto literarios como técnicos, un proceso ao que contribuíu tamén o prologuista, Jean-François Botrel.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A «Historia de Galicia» de Ramón Villares, traducida ao francés