«No rural non vale facer vilas dormitorio; fan falta empresas»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

XERMADE

PALACIOS

Xosé Manuel Felpeto, presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros, di que os servizos dunha parroquia deben ser semellantes aos dunha cidade para fixar poboación

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai vilas e cidades que teñen, en colaboración coas universidades, cursos de verán na súa oferta social e cultural, unha parroquia como Cabreiros (Xermade) pode presentar os seus cursos de primavera: velaí as Xornadas Interxeracionais Rurais, que este ano chegan ás 14 edicións e que organizan a asociación de veciños, o Concello e a Universidade de Santiago de Compostrla (USC). As conferencias, con asuntos variados, ocupan espazo no programa, no que tamén hai ocos para o lecer.

-É máis difícil organizar actividades no medio rural ca nunha vila ou nunha cidade?

-Para min, si. Outra cousa é que logo, no rural, teñas máis afluencia de xente ca nunha vida grande; pero aquí, coa distancia entre parroquias, xa tes ese problema. O que se quere, no fondo, é que as distancias vaian a menos, facer un rural máis completo. A afluencia de xente si é outra cousa: en Vilalba ou nas Pontes, quizais habería menos. Aquí levamos catorce anos, e hai oscilacións, porque o programa non é sempre igual de atractivo. Sempre se tenta que sexa o máis atractivo posible.

-Está o rural morto?

-Sempre digo unha frase que é dun amigo meu que é de aquí, de Xermade: está estable dentro da gravidade. Quizais, tampouco se lle buscan medidas para que vaia mellorando. Este ano, precisamente, o programa do primeiro día [as xornadas comezan o sábado 26] é para facer espertar á xente que está na política: se no rural non hai posibilidades para que a xente nova poida ter vías económicas... Non é só un problema do rural dende o punto de vist demográfico; é un problema de moitos sitios, pero no rural vese máis.

-Hai quen vive no medio rural e non traballa no medio rural nin vivir del. Pode ser esa unha opción para un concello como Xermade, ao lado de Vilalba e das Pontes?

-Non quixera que fose así. Vouche poñer o meu exemplo: traballei nas Pontes e vivo en Cabreiros, pero non formei aquí un negocio. Así pasa con moita xente, e o censo dos concellos resulta unha cuestión ficticia. Creo que ese non é o futuro do rural. Non vale facer vilas dormitorios; fan falta empresas e produtos, no rural e para o rural.

-É máis difícil convencer á xente nova para que participe en actividades como as xornadas de Cabreiros?

-A participación, dende o comezo ata aquí, apostou polos maiores, e eles apostaron por nós. Non vou dicir que os maiores teñan máis cousas que achegar ca os novos. O problema é a curiosidade: a da xente maior é superior.

-Quizais se identifique o traballo dunha asociación de veciños coa organización de viaxes e de comidas. Cre que o seu labor é realmente máis amplo?

-Debera. Levo 21 anos de presidente; e sen saír do que pode interesar aos socios iso é unha parte. Hai que mirar pola historia, pola identidade. Cada asociación ten as súas portas abertas para traballar no seu pasado, e iso ten importancia; máis ben, diría eu, unha vital importancia.

-Como convencer á xente nova de que viva en Cabreiros ou noutra parroquia de Xermade e non en Vilalba ou nas Pontes, que están a poucos minutos?

-Depende das facilidades que se lles dean. O que non podes facer é dicirlle á xente nova que non ten velocidade en Internet. Despois, hai que posibilitar que a xente no rural teña capacidade para saír adiante. Logo, está outra connotación, a título persoal: non estou de acordo en que os nenos están máis cómodos nunha vila grane: os que temos unha idade vivimos no rura, criámonos aquí e fomos felices. Ante iso, non tes demasiados argumentos. Se facilitas que as posibilidades do rural sexan semellantes ás dunha vila, xa tes moito gañado. E non se poden comparar as comodidades de vivir no rural; a calidade de vivir no rural non a atopas nunha vila ou nunha cidade: érgueste e escoitas os paxaros; non tes esa dependencia de vivir nun edificio, que a fin de contas ñe unha gaiola; nun edificio vives con 30 persoas e coñeces 10.

-Está garantida a continuidade dunha iniciativa como as Xornadas Interxeracionais Rurais?

-Todo indica que si. As xornadas rematan, faise unha análise, no verán descánsase, e logo téntase xa traballar no programa do ano que vén. Todo isto, ademais, está apoiado dunha maneira moi forte: a Universidade [de Santiago de Compostela], a Deputación, o Concello... Todo iso fai que haxa un campo sólido, con visión de futuro.

«Hai que posibilitar que a xente no rural teña capacidade para saír adiante»

«No rural non tes a dependencia de vivir nun edificio, que é unha gaiola»