A Deputación acada en Xermade un investimento de 1,2 millóns na mellora de prestacións públicas

La Voz

XERMADE

O organismo provincial favoreceu a creación de novos postos de traballo e contribuíu á celebración de varias citas turísticas, gastronómicas e artesanais

19 dic 2017 . Actualizado a las 12:45 h.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, informou en datas pasadas sobre o investimento de 1,2 euros, que levou o Goberno Provincial a este municipio chairego no último ano para mellorar as prestacións públicas. Campos e García supervisaron as actuacións levadas a cabo durante unha xornada á que se incorporou o Presidente da Deputación da Coruña e Alcalde das Pontes, Valentín Formoso, pois ambos os dous organismos provinciais están a acondicionar a estrada de Momán ás Pontes.

En dita vía (LU-P-2204), o Goberno da Deputación de Lugo está a executar os traballos de 400.000 euros de mellora do firme con aglomerado en quente, ensanche da calzada e incremento da sinalización dende o punto quilométrico 2 ao 4. Pola súa banda, o Goberno da Deputación da Coruña realiza con 120.000 euros os mesmos traballos entre os quilómetros 5 ao 6,5, que é o único treito da súa titularidade.

En total, esta estrada ten 12 quilómetros, dos que se arranxaron 5,5, polo que serán necesarias outras dúas novas fases de actuación na mesma. O Goberno da Deputación de Lugo acordou destinar outros 95.300 euros no arranxo dun treito da LU-P-6513, de Vilalba a Camposo de Foxo de Penamaior e rampa a Xermade. Tendo en conta estas actuacións así como os traballos na vía de Momán ás Pontes, o investimento que destinou nos últimos meses o Goberno Provincial á mellora de estradas provinciais en Xermade é duns 735.300 euros.

Preto de 400.000 euros en dotacións municipais

Foron máis de 210.000 euros os que achegou o Executivo Provincial á mellora de dotacións públicas municipais co execución do orzamento de 2016. Fíxoo para arranxar o acceso e o campo da festa de Xermade que, ademais de ser o lugar de celebración das patronais, funciona como aparcadoiro do centro de saúde; acondicionar as pistas forestais de Agrovello a Pesqueira, na parroquia de Burgás, que posibilitan o traballo de profesionais do sector gandeiro e forestal da zona; mellorar abastecementos e captacións de auga en parroquias nas que viven uns 300 veciños, como, por exemplo, a de Roupar; mellorar accesos como os de Seixo, Alvariño e Pigaroa; dotar de mobiliario ao parque infantil de Momán ou de novo alumeado público ao casco urbano de Xermade. O Goberno da Deputación reforza agora, con preto de 200.000 euros do presuposto de 2017, a mellora de máis prestacións públicas pois, con este investimento, mellorará máis accesos rurais, como os de Lousada, Miraz, Candamil ou Momán; alumeados público ou captacións de auga.

Emprego e servizos sociais

O Executivo Provincial fará o mesmo co emprego e os servizos socias logo de achegar o pasado ano 75.000 euros neste eido, a mesma cantidade que este ano. Este investimento permitiu a contratación de 4 lucenses, que traballan no servizo de conservación municipal a través do DepuEmprego; e ofrecer atención profesional a 59 maiores, aos que non atende a Xunta de Galicia, pero si o Goberno da Deputación mediante o Servizo a Domicilio a persoas non dependentes e da Teleasistencia gratuíta.

Dinamización social e económica

O Goberno da Deputación contribuíu á celebración de citas turísticas e de exaltación gastronómica ou artesanal de Xermade como, por exemplo, a Festa dos Cogomelos, que cada ano atrae a centos de visitantes; ou o Encontro Internacional dos Torneiros. As vindeiros colaboracións serán coas Xornadas Interxeracionais Rurais; o galardón Xermade na Historia; o laboratorio de Radio nas Parroquias, a Copa Concello de Xermade, a Carreira Popular, a Pedalada Solidaria, o Proxecto de Envellecemento Activo; ademais de cursos de formación sobre distintas disciplinas artesanais, entre outras citas, que dinamizan social e economicamente o Concello.