Marcos Besada, presidente da asociación A Estruga: «Hai que recordarlle ao gandeiro que tamén foi labrego»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Besada ve xustificado que o produto ecolóxico sexa máis caro.
Besada ve xustificado que o produto ecolóxico sexa máis caro. PALACIOS

Cre que a diversificación pode axudar ao relevo xeracional no campo

22 ene 2023 . Actualizado a las 19:42 h.

Pequenas producións poden ser variadas producións. Marcos Besada, enxeñeiro agrícola, preside A Estruga, unha asociación que traballa no campo con criterios agroecolóxicos. A presenza de produtores na praza de abastos de Vilalba, onde comezaron a vender este venres, é un primeiro paso na procura de máis visibilidade e de máis presenza no mercado.

-A Terra Chá medrou nas últimas décadas no traballo gandeiro. Queda aínda sitio para a agricultura?

-Hai sitio para a agricultura e hai esa necesidade. Canto máis cerca estea a produción do mercado, mellor, porque se pode axustar o prezo e se pode traballar con demanda concreta. Se hai demanda de espinacas, podes dicirlle ao labrego que as bote porque xa as ten vendidas. Na Terra Chá hai sitio, e de feito, na cooperativa [Almoga, na que traballa como técnico], é algo que se ten feito, por exemplo, co chícharo da cova.

-Convén recordarlle ao gandeiro que antes era tamén era labrego?

-Hai que recordarlle que tamén foi labrego. As granxas cambiaron moito e pasaron a ser chamadas explotacións. Hai que recuperar a diversificación.

-Como pode competir o produto local?

-Compite porque ten calidade, o selo de que o vende quen o produce. Nós temos a idea de que as producións que veñán aquí teñen que ser de espírito agroecolóxico. Queremos ademais ir visitar unha vez aos mes aos produtores: que nesas visitas a xente vexa, pregunte... Creo que ese é noso gran valor.

-Ten futuro o pequeno produtor?

-A actividade do pequeno produtor non pode ser só a produción en si senón tamén actividades de formación, e iso vaio supoñer para el unhas pequenas cantidades de diñeiro. Unha asociación coma A Estruga é tamén unha maneira de reducir custes. Algúns dos produtores que hai aquí fan isto de maneira complementaria; hai xente que traballa no campo pola tarde e que pola mañá traballa noutra cousa.

-No campo o relevo xeracional cítase ás veces como un problema. Haino tamén nestes casos?

-En Almoga notamos que hai un problema de avellentamento dos socios. De aquí ao 2030, ou diversificamos os socios ou teremos que pechar; pero a produción vexetal pode facilitar ese relevo xeracional.

-O produto ecolóxico, polo xeral, é máis caro ca o convencional. Como se pode convencer ao comprador de que non importa pagar un pouco máis?

-Eu sempre respondo cunha pregunta: por que o outro é máis barato? O produto ecolóxico pasa máis tempo na terra; o outro, suponse, está máis tratado. Ás cousas hai que darlles valor. Os alimentos son hoxe unha especulación constante. Hai que fuxir de proxectos que non fixan poboación no medio rural. Hai que preguntar aos compradores se están a consumir de maneira axeitada ou se compran de máis porque o produto é barato.

Orixe. Marcos Besada naceu en Tui en 1982.

Formación. É enxeñeiro agrónomo. Traballa como técnico na cooperativa Alta Montaña Galega (Almoga), que ten a sede en Vilalba e á que pertencen gandeiros de carne de varios concellos da Terra Chá (Vilalba, Xermade e Muras sobre todo).

Iniciativa. Preside A Estruga, na que hai produtores agropecuarios de Vilalba e de Xermade.