Manuel Pena, de heroe na guerra de Cuba a protagonista da Vilalba contemporánea

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

O coronel Pena, no medio na segunda fila, nun xantar campestre nos anos vinte do século pasado
O coronel Pena, no medio na segunda fila, nun xantar campestre nos anos vinte do século pasado ARQUIVO FAMILIA PENA

Apoiou a creación dunha escola en Tardade e foi nomeado fillo predilecto da vila

23 jul 2023 . Actualizado a las 18:35 h.

De regreso de Cuba, condecorado con honores, o tenente Manuel Pena Vidal, xa casado con Mª Paz Olano Carreira, continuou a carreira militar na Coruña, rexemento Zamora 8, como habilitado da Comisión Liquidadora do 1º batallón expedicionario no que servira. Superadas as probas, ascendeu a capitán o 31 de agosto de 1906 e dous anos despois foi nomeado comandante militar do castelo do Castro de Vigo, rexemento Murcia 42. Será en xaneiro de 1909 cando cambie as actividades militares por outras policiais ao ser destinado como capitán das forzas de orde. Este feito serviríalle para acumular experiencias das que sacará bo partido nos convulsos anos de 1936 a 1939.

O seu primeiro destino policial foi en Murcia, onde exerceu o mando ata xaneiro de 1911, data na que regresou á Coruña en calidade de xefe das forzas de orde. Os que gardan memoria del recordan que foron tempos de satisfacción no desempeño dos labores policiais. Os xornais da época mencionan que así o recoñecían as autoridades civís, como as realizadas en xaneiro de 1912 na prensa coruñesa polo gobernador civil Romero Donallo referíndose a el como «capitán simpático y pundonoroso».

O coronel Pena e o gobernador civil Romero Donallo, pasando revista á Policía na Coruña na segunda década do século pasado.
O coronel Pena e o gobernador civil Romero Donallo, pasando revista á Policía na Coruña na segunda década do século pasado. ARQUIVO FAMILIA PENA

Nos anos seguintes reforzáronse os seus vínculos con Vilalba. A familia Pena-De Olano veraneaba na vila e contaba con numerosas amizades e afectos. O 23 xullo de 1911 recibe, como mostra de simpatía, un xantar de despedida tras das vacacións. Foi na beira do Trimaz, onda a ponte dos Freires. Alí estaban Joaquín Piñeiro, Agustín López, Leopoldo Olano, Juan Campello, Víctor Basanta, Ramón Prieto, Manuel Olano, Ramón Rego, Manuel Piñeiro, Generoso Barro, Manuel Río e outros. E aínda que non conste en documentos, sospeitamos que pola súa mediación a banda do rexemento Zamora amenizaba as festas de San Ramón nestes anos.

En agosto de 1916 Manuel Pena Vidal encabezou a iniciativa de construír unha escola en Tardade-Distriz. Comprendía, coma moitos habaneiros, que sen educación e instrución non hai lugar a progreso nin riqueza. A fundación tivo lugar na casa de Agustín López e os primeiros doadores foron o propio anfitrión, Bernardo González, Antonio Pardo, Cosme Sacido, Joaquín Prado, Eduardo Bello, Inocente Souto, Manuel Pardo, Manuel Rego, Avelino Yáñez, Jesús Trastoy, Benigno González, Francisco Yáñez, Santiago García, Ramiro Fernández e Joaquín Piñeiro.

 Ascenso

A prensa de Vilalba apoiou reiteradamente tal iniciativa. Hoxe mantense en pé o edificio construído e os veciños son os responsables de darlle a utilidade para o que foi concibido, a educación e a instrución. En decembro de 1916 ascende a comandante e deixa a xefatura de policía da Coruña.

En xuño do ano seguinte concédeselle o traslado temporal a Vilalba e xa en setembro o destino a Madrid. Os estudos de Dereito que iniciaba o seu fillo Pablo Pena de Olano pesarían en tal decisión.

En novembro de 1918 ascende a tenente coronel e continúa en Madrid ata novembro de 1925, cando se lle recoñecen 42 anos, 7 meses e 4 días de servizo e causa baixa no exército. De regreso a Vilalba, Manuel Pena Vidal foi un dos protagonistas do cambio económico e social que se producía. Ata daquela os prestamistas eran a principal fonte á que recorrían labradores e comerciantes que precisaban numerario.

Chegan os bancos

Pero a finais de 1927 chegaron á vila dous bancos onde negociar os cartos. Foron o Banco da Coruña. emprazado no baixo da casa de Manuel Fraga Bello, e con Manuel Pena Vidal como director visible, e o Banco Pastor que se estableceu na rúa Rodríguez de Viguri, 15 (hoxe rúa da Pravia) e á súa fronte Guillermo Orosa Álvarez.

A vida diaria continuou en Vilalba nos anos seguintes conforme os inquedos tempos. Así, a prensa faise eco, o 14 de abril de 1932, da cea de camaradería entre Pablo Pena de Olano e Antonio Peña Novo, as dereitas e os radicais. Pero chegaron os tronantes 1936-1939. Manuel Pena Vidal foi mobilizado co grao de coronel e nomeado xefe das forzas de orde na vila. Como tal decidiu gardar no cárcere os republicanos locais que poderían ser obxecto das iras de exaltados e só el gardaba as chaves das celas.

 Manda o coronel

Cóntase que nunha ocasión uns falanxistas quixeron cuestionar a súa autoridade. O coronel puxo o asunto en coñecemento dos mandos militares da provincia. Axiña se desprazou á vila, en dous camións, unha sección de metralladoras ao mando dun comandante. Este mandou formar os falanxistas na praza diante do Concello e con voz firme recordou que en Vilalba mandaba, como autoridade militar nomeada, o coronel Pena. Logo, ordenou aos soldados montar as metralladoras. Oído o clásico chascar do metal, preguntou aos presentes: «Hai alguén que non estea de acordo?».

No medio da lividez reinante seica non houbo resposta. Os formados marcharon e non houbo máis. As chaves do cárcere seguiron con quen as gardaba. Vilalba sempre agradeceu ao coronel o saber actuar, as axudas prestadas e as proteccións realizadas. E así foi nomeado fillo predilecto da vila en 1947. Morreu en 1956. Os seus restos descansan no panteón familiar xunto coa bala que o ferira en Manzanillo había 60 anos.