Vilalba estrea tenda ecolóxica e con produtos de proximidade

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Lucía Leal afirma que hai unha falsa crenza sobre o prezo do produto ecolóxico.
Lucía Leal afirma que hai unha falsa crenza sobre o prezo do produto ecolóxico. PALACIOS

Lucía Leal Sueira aposta polo comercio xusto: «Comprar a granel é consumir dunha maneira máis racional e económica»

21 oct 2022 . Actualizado a las 13:40 h.

Comprar cuarto e metade de algo nunha tenda fai pensar, quizais de maneira automática, en tempos pasados, nos que se acudía aos negocios con máis frecuencia e se levaban menos cousas para a casa de cada vez. Cos supermercados grandes ou medianos, moitos cos seus aparcadoiros, xa instalados nas vilas, Lucía Leal Sueira abre este sábado, no centro de Vilalba, unha tenda pequena. Case se podería dicir que nalgunhas cousas é coma as de antes.

—Que unha tenda se chame Cuarto e metade xa indica algo, non lle parece?

—O nome ten algo que dicir. Parte da oferta está en produtos a granel, tanto en alimentación coma en hixiene.

—Cre que se debe recuperar esa maneira de comprar nestes tempos?

—Creo que si. Mercar a granel ten as súas vantaxes. En primeiro lugar, elimínanse envases de plástico. En segundo, evítase que se tiren os desperdicios que xeramos cando non necesitamos algo. O que se fai ao comprar desta maneira é consumir dunha maneira máis racional e económica.

—Ten un determinado perfil unha tenda coma a súa ou é un local ao que calquera pode ir?

—Paréceme que é para todos. Creo que a xente compra cada vez máis con criterio, e iso é indiferente do lugar onde se vive. O produto ecolóxico, o de proximidade, o de comercio xusto... Hai diso na tenda.

—Hai un cliente característico para este tipo de tendas?

—Pódese dicir que hai dous tipos de perfil. Por unha banda, a xente que xa ten un determinado criterio cando decide achegarse a unha tenda coma esta. Por outra banda, a xente que entra soamente por curiosidade e que ao ver os produtos se convence.

—Ten que ser por forza máis cara a compra nunha tenda destas características?

—Non ten por que selo. Unha tenda coma a miña non ten os mesmos criterios ca un establecemento para gourmets; máis ben quere ser unha tenda onde se faga a compra básica, con bastante cobertura para o cliente. Tamén creo que hai unha falsa crenza sobre o prezo do produto ecolóxico. Outra reflexión, que ademais daría para falar moito, é se o que se paga nun comercio convencional é xusto ou non. Tentei facer unha oferta de produtos de prezo axustado para chegar a calquera consumidor, e tamén son consciente do escenario económico que estamos a vivir.

—Nunha tenda con eses criterios, a distancia entre a terra onde se producen algunhas mercadorías e o punto de venta é máis pequena ca noutras. É a Terra Chá unha boa zona para traballar con esa mentalidade?

—Estou a familiarizarme cos produtos. Atopei moitos produtores que fan cousas interesantes, con criterios artesáns. Xa teño contactado con catro ou cinco provedores, que me van traer cousas de alimentación. É unha grata sorpresa que atopei por Galicia adiante, con xente que fai cousas de todo tipo en réxime ecolóxico.

—Custa, en circunstancias coma as actuais, dar o paso de abrir unha tenda ou máis ben hai que pensar que a sorte axuda aos valentes?

—Veño dun campo totalmente distinto. Son educadora e traballei nunha entidade que atende persoas en risco de exclusión social. Decidín arriscar; esta é unha aposta persoal moi forte, pero tamén houbo un proceso de acompañamento con persoal dunha asesoría.

—É esta tenda froito de experiencias súas?

—Si. De xente que fun coñecendo e da maneira en que concibo a economía, o consumo e o territorio. Hai quen me pregunta por que vou abrir unha tenda en Vilalba sendo das Pontes. Imos vivir a unha parroquia de Cospeito, e iso tamén é unha aposta polo rural. Se o penso friamente, esta é unha aposta que pode ter cabida en contornas urbanas. Pero por que non a vai ter en lugares máis pequenos?

Orixe. Lucía Leal Sueira naceu nas Ponrtes e ten a diplomatura de Eduacadora Social (USC)

Evolución. Ademais de abrir a tenda en Vilalba, vai vivir na parroquia de Xermar (Cospeito).