Luís Peña Novo, unha figura de Vilalba e unha figura da Galicia contemporánea

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

Os irmáns Luís e Antonio Peña Novo, de esquerda a dereita, nunha imaxe tomada en Vilalba hai décadas
Os irmáns Luís e Antonio Peña Novo, de esquerda a dereita, nunha imaxe tomada en Vilalba hai décadas CEDIDA

O seu labor é básico para comprender o ideario do galeguismo de hai cen anos

05 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non deixa de sorprender que aparezan documentos considerados perdidos que achegan datos complementarios dun persoeiro. É o caso que se recolle no libro de Lois Peña Novo, 55 anos despois. Se ademais recordamos que para comprender a obra dun filósofo, dun político, ou de calquera persoa, hai que ter presente a familia na que naceu, os estudos que completou e o tempo que lle tocou vivir, daquela teremos que con outros datos cómpre realizar novos estudos ao respecto. Feita a reflexión convén recordar que Lois Peña Novo (1893-1967) foi un avogado, político e pensador imprescindible para coñecer o galeguismo nas décadas de 1920-1930 e aínda despois.

No libro mencionado recordamos que naqueles tempos, fins do século XIX e principios do XX, xa Vilalba era un importante cruce de camiños e foron importantes as obras de melloras en vías e pontes na comarca de Vilalba. As comunicacións favoreceron a intensidade na circulación de medios de transporte, carros e primeiros automóbiles. A facilidade de portes de mercadorías e persoas potenciaron as feiras. As feiras achegaron crecemento económico e circulación de numerario.

A riqueza favoreceu o desenvolvemento urbanístico moderno con casas máis firmes e hixiénicas. E canda todo ese progreso chegaron as ansias por adquirir coñecementos e apareceron xornais onde propagar ideas. En todo o proceso hai que engadir a influencia dos habaneiros retornados que aportaban non só capitais, senón tamén outras visións das sociedades e do mundo.

Nese contexto hai que inserir a chegada a Vilalba do pai dos irmáns Peña Novo, Vicente Peña Rodríguez, habaneiro retornado con certa fortuna, que decidiu establecerse e facer casa onde era oriúnda a súa esposa, María Novo. A familia ben entendeu un principios básicos da economía: sen educación e instrución non hai progreso posible. Polo tanto deron estudos aos seus fillos.

Centrándonos en Luís e no seu irmán maior, Antonio (1887-1969), ambos asistiron a leccións de gramática latina nunha academia preparatoria para, aos 14 anos e superada unha reválida, entrar no seminario de Mondoñedo. Recorda Antonio que Luís tiña posuía moitas facilidades para a dialéctica e a oratoria e que no curso 1907-1908 asistiron a unhas conferencias do P. Vicent, xesuíta, que realizaba unha xira por seminarios como propagandista da ideoloxía sindical-católica que preconizaban Ángel Herrera Oria, director do xornal El Debate e que en 1910 fundaría a Asociación Católica Nacional de Propagandistas, Severino Aznar e Salvador Minguijón. O propio Herrera Oria, xa en 1920, chamaría a Lois Peña para dar a súa visión da problemática do agro galego nunhas xornadas rexionalistas que rematarían cun relatorio de Vázquez de Mella, escritor, filósofo e político tradicionalista.

 Loita contra o caciquismo

Cando Antonio Peña abandona o seminario por discrepancias do daquela reitor, utiliza a prensa local da época para dar a coñecer as súas inquietudes sobre o proceder dos responsables de exercer o poder, é dicir, arremete con intensidade verbal contra os caciques que daquela gobernaban o Concello, os Basanta que tamén estendían influencia na Deputación e mesmo nas Cortes por medio do deputado Vázquez de Parga. Tampouco os alcaldes de Xermade e de Cospeito se verían libres das críticas de ser caciques.

Algún dos escritos, sempre asinados con pseudónimos e frecuentes referencias aos clásicos latinos, eran da autoría do seu irmán menor. Lois Peña, a partir de 1914, xa estudando Dereito en Santiago, establece contacto con Porteiro Garea, quen tivo vínculo con Vilalba polo seu matrimonio cunha vilalbesa dous anos despois. As visitas deste e a influencia do seu amigo serían o motor para que pronunciase un relatorio na Juventud Antoniana, asociación conservadora católica, e outro en xuño de 1918, no Círculo de Artesanos que animaba o propio Antonio Peña e que titulou ‘A los gallegos emigrados’, logo editado en forma de libriño.

 Defensa do idioma galego

A toma de conciencia sindical e anticaciquil dos Peña Novo, que xa viña de atrás, viuse reforzada coa defensa do idioma pola influencia de Porteiro e daría lugar ao protagonismo de Lois na fundación de Irmandades da Fala. Relacionado cos documentos recuperados, merece especial atención a fundación da Irmandade da Fala de Vilalba en novembro de 1916. Os seus integrantes eran homes novos, os máis deles de familias de tendencia conservadora.

No casco urbano de Vilalba hai unha rúa dedicada a Peña Novo
No casco urbano de Vilalba hai unha rúa dedicada a Peña Novo REBECA

A falta de acordo entre os partidarios dun galeguismo cultural e os de activar a actividade política —os Peña Novo— fixo imposible que tan magnífico proxecto frutificase en actividades que redundarían en favor do galeguismo en xeral. E a Irmandade vilalbesa languideceu sen actividade. Como exemplo exponse o caso da parada que Cambó fixo en Vilalba en 1918 e só o recibiron os irmáns Peña. Pola contra, en xullo de 1927, cando Otero Pedraio, Vicente Risco e Fernández Oxea fixeron noite na vila e ían cara santo André de Teixido, foron recibidos por Antonio García Hermida, polo coronel Pena, por Román Crespo, mestre da Liga Santaballesa, e por Noriega Varela, que daquela exercía na Graña.

 A aspiración do tren

Todo iso sucedía nun tempo de elevada inflación económica e cando Vilalba aspiraba a que un ferrocarril, que sería artífice de maior prosperidade económica, pasase pola vila e unise a capital da provincia, polo tanto a Meseta, coas vilas de Ribadeo e Viveiro.

Finalmente anotamos unha circunstancia da que non se atoparon referencias en documentos que a acrediten. Pero na mente do paciente lector estará que hai feitos que se fan, que se tramitan e que non se documentan. Só a memoria de persoas e certas noticias indirectas ofrecen seguridade de que o que se manifesta foi real. Sabemos, así se recorda e así consta en citas que se insiren neste libro, que Luís Peña Novo padeceu represalias pola súa ideoloxía e polo seu pasado político tras o levantamento militar de 1936.

Baseándonos en indicios contrastados e manifestacións de persoas que recordan actos e circunstancias, podemos supoñer que Luís Peña Novo non sufriu máis persecución polas súas actividades políticas previas á Incivil Guerra que as mencionadas de destitución do seu cargo de secretario do Concello de Lugo, de cárcere durante unhas semanas en Lugo e de confinamento primeiro en Baralla, logo en Mallén (Zaragoza) e finalmente na mesma Vilalba.

 Sen xuízo militar

Non se lle abriu xuízo militar nin sufriu maior tempo de prisión como si sucedeu con outras persoas involucradas en actividades da Segunda República. En 1940 xa se lle permitiu exercer de avogado. Quen estaba detrás deste asunto? Todo nos leva ao daquela tenente coronel Óscar Nevado Bouza. Este militar, en xaneiro de 1936, acompañou ao xeneral de división Francisco Franco e ao contraalmirante Joaquín Cervera nos funerais do rei inglés Xurxo V representando o presidente da República, Niceto Alcalá Zamora. En xullo de 1936 era xefe accidental do rexemento Zamora-número 8 de gornición na Coruña. No outono dese mesmo ano mandaba no sur de Ávila un rexemento que foi medrando e que a finais de ano xa se aproximaba a unha brigada. Logo, xa coronel, foi nomeado gobernador militar de Toledo.

Licenciouse do exército en 1942 e concedéuselle o rango de xeneral de brigada honorífico. Algunhas persoas de Vilalba recordan que anos despois existía unha gran amizade entre os Bouza e o matrimonio Peña-López, e que ambas familias vivían en casas lindeiras compartindo entrada.