Andrés Basanta Olano, unha figura da Vilalba contemporánea

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

O enterro de Andrés Basanta, pasando pola actual rúa de Galicia de Vilalba
O enterro de Andrés Basanta, pasando pola actual rúa de Galicia de Vilalba ARCHIVO DE JULIO REBOREDO

Morreu hai 90 anos e foi alcalde do Concello vilalbés durante unha longa etapa

29 ene 2022 . Actualizado a las 00:29 h.

Aquel frío 19 xaneiro de 1921 foi sepultado quen dende o 1 de xullo de 1891 fora alcalde de Vilalba. Andrés Basanta Olano, que morrera dous días antes, dirixiu durante eses trinta anos os conservadores do distrito de Vilalba e gozou do apoio tanto do conde Pallares coma doutros parlamentarios nas sempre cambiantes Cortes da Restauración. Tamén foi deputado provincial en dúas ocasións e a través da súa influencia chegaron a Vilalba obras necesarias e recursos para financialas.

Os seus detractores acusárono de gobernar só segundo criterios propios e mirando intereses de grupo de acordo coa concepción do poder dos gobernantes despóticos que mandan a gobernados que se deixan gobernar. Dito doutro xeito: todo para os cidadáns pero sen contar coa opinión dos cidadáns, antigo aforismo que aínda hoxe se practica.

No panexírico publicado o día 2 de febreiro no «Heraldo de Villalba» destácase que o templo parroquial resultou insuficiente para tal cantidade de xente que acudiu ao enterro. Entre os asistentes cítanse o gobernador civil, o xefe do partido conservador representando os deputados Viguri e Besada, o presidente da Deputación e outras autoridades provinciais.

Ademais estiveron presentes autoridades que representaban os concellos de Outeiro de Rei, Trasparga (que nos anos trinta trasladaría a sede a Guitiriz), Cospeito, Xermade e Mondoñedo, incluído o impresor Edesio Mancebo.

A xente de Vilalba acudiu en masa coa corporación municipal e o alcalde accidental Orosa á cabeza. O deputado provincial Otero Soto delegou representación no alcalde. O clero parroquial do distrito acudiu en gran número e foi presidido polo cóengo maxistral de Mondoñedo Blanco Agras e polo párroco de Viveiro don Antonio Nieto.

O balcón do Concello luciu loito os dous días nos que o Andrés Basanta estivo de corpo presente e á hora do enterro, as 13,30, o comercio pechou. Enviaron coroas o ex ministro de Abastecementos Leonardo Rodríguez e Francisco García Armero, xefe dos conservadores da provincia.

A familia recibiu uns douscentos telegramas, entre deles do bispo de Mondoñedo, Juan José Solís, do ex ministro Leonardo Rodríguez, do subsecretario de Instrución Pública, conde de Peña Ramiro, do senador Lorenzo del Busto, de Rodríguez de Viguri, de González Besada, de Quiroga Espín, de Soto Reguera, de Ramón Bustelo...

 Comitiva

As fotografías de dar sepultura a quen en vida, e aínda despois, foi defendido e criticado ofrecen informacións sobre a vida diaria e costumes daquela Vilalba de hai cen anos, que a historia dunha comunidade vilega é máis que o actuar dos que se erguen como dirixentes. O traslado do cadaleito dende a igrexa parroquial organizábase nunha comitiva un tanto anárquica no que un pendón lutuoso escoltado por dous fachos tentaba sinalar o inicio da procesión dos máis de vinte curas asistentes.

O itinerario da instantánea sinala un tramo urbano da «carretera» que dende Ferrol ía á ponte de Rábade, pasado o cruce coa estrada que conducía á estación de Baamonde e xusto por diante da casa que o defunto construíra entre 1886 e 1888 segundo os planos de Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida, aquel arquitecto da Coruña deseñador de edificios eclécticos, ordenador da praza de María Pita e autor da harmonización das galerías da cidade.

Nenos e maiores, de escuro vestir, calzan zocas coas que pisar a calzada algo empedrada e moi enlamada. O clero faise notar coa súa vestimenta. Nun solar os palleiros testemuñan unha sociedade agraria cerealística. Pesadas chantas da beirarrúa agardan o remate das obras dunha canal que levaría as augas residuais fóra da vila e que voltas ao seu sitio poderían separar a circulación de viandantes da de carros e automóbiles.

Mirando a comitiva, recorda o cronista que o camposanto da vila trasladárase dende o adro da capela de san Roque aos Castros en 1878, que o dos Castros quedou rematado en 1881, ano no que tamén se amañou o camiño de acceso que viña sendo un vello camiño real, e que o de san Roque non se pecharía de vez ata 1891. Chegado o cadaleito ao cemiterio, obsérvase que non se abandonara o costume de enterrar en terra conforme tradición arraigada, pero xa a partir de 1910 dera en dar sepultura os defuntos en torres de nichos que con habilidade e arte construían os canteiros de Román.

 Hixiene

Contribuíase así a maior hixiene nos enterramentos e ao aproveitamento dos espazos dos que dispoñía unha poboación que medraba ao abeiro do comercio das feiras e da circulación de mercadorías. Os homes, por estar en sagrado, descubrían a cabeza de boinas e sombreiros mentres que as mulleres, pola mesma razón, mantiñan postos os panos de cabeza, tanto os de corte máis tradicional coma os das novas modas de colores claras e distinto atado.

Cando morreu Basanta, o cemiterio vilalbés estaba na zona dos Castros
Cando morreu Basanta, o cemiterio vilalbés estaba na zona dos Castros ARCHIVO DE JULIO REBOREDO

Acabado o enterro, a vida continuaba. Aquel ano os vilalbeses admiraban como se acababa o edificio de serrar madeiras que edificaba Vicente Quintela Miragaya, estaban moi adiantados os traballos de construír o cine-salón de espectáculos que promovían Guillermo Orosa e Mariano Sánchez, proxectábase dar un piso máis á casa que ocupaba o casino, as obras da rede de sumidoiros das rúas Progreso (actual rúa da Pravia) e Cos-Gayón (actual de Galicia) estaban rematadas, no Centro de Artesanos os irmáns Arizona realizaban exercicios ximnásticos e de prestidixitación, no baile de piñata daquel ano unha discusión entre comparsas de mozos acabou coa morte dun deles...

Andrés Basanta Olano casara coa mindoniense Concepción Silva Posada e tiveron dez fillos que, andando o tempo, foron dispersándose por cidades segundo oficios e responsabilidades que exerceron. Velaí o acontecido na familia nos anos seguintes ao enterro. O seu amigo e ex ministro Leonardo Rodríguez Díaz morrería a finais de novembro de 1922.

Avogado do Estado

O seu fillo Santiago, con 22 anos, en xullo daquel 1921, aprobou as oposicións a avogado do Estado co número dous. Andrés, tamén avogado, estaba destinado na audiencia de Ávila e en xullo de 1923 casou con Angustias Campos Goás no oratorio privado de Penas Corveiras. Arturo, o maior dos irmáns, capelán das Oblatas de Ferrol, morreu aos 40 anos o 19 de xaneiro de 1923.

Francisco continuou á fronte da farmacia da que seu pai fora titular ata a súa morte, ocorrida o 9 de decembro de 1927. Víctor, avogado e secretario do Concello de Vilalba quedou viúvo de Aurora Varela Basabrú, quen morreu con 29 anos o 20 de xaneiro de 1926, e logo casou coa cuñada Celia Varela Basabrú.

Ramón, avogado, viaxaba a Madrid. Eugenio foi nomeado xefe interino de Sanidade da localidade en 1923 e máis tarde forense. Ramón, tamén avogado, faríase oficial de Facenda e morrería en outubro de 1930. Carmen, que tiña 20 anos ao morrer o pai, viviu ata 1975.