Vilalba lanza un concurso de creación por Samaín

Laura López LUGO / LA VOZ

VILALBA

Imaxe de arquivo dunha exposición de cabazas
Imaxe de arquivo dunha exposición de cabazas MARTINA MISER

Adultos e nenos poderán deseñar a súa propia cabaza

09 oct 2021 . Actualizado a las 14:12 h.

O Concello de Vilalba presenta o II Concurso de Samaín «Pinta e crea a túa cabaza de Samaín», destinado a dinamizar esta festividade a través da creación artística e da diversión. Está dirixido a todos os públicos, en tres categorías: infantil, ata 12 anos; adulto, dende os 13; e, como novidade, artística, para todas as idades e compatible coas categorías anteriores. As cabazas entregaranse o día 30 na Praza da Constitución, de 11.00 a 12.00, permanecerán expostas ata as 17.00 horas.

O xurado do concurso será a cidadanía de Vilalba, que votará nunha furna selada, na propia exposición. Ás 17.00 horas contabilizaranse os votos na Praza da Constitución.

O Concello de Vilalba anima á veciñanza a acudir o día 30 con disfraces típicos do Samaín. Ademais, trala entrega de premios, o Concello presentará o espectáculo de contacontos de Rilo&Penadique «Historias con susto para durmir a gusto».

O Concello de Vilalba concederá premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría: vales de 75, 50 e 25 euros para gastar no comercio local, así como un diploma.

«Nesta actividade buscamos a participación de toda a cidadanía, xa que pode participar deseñando as súas propias cabazas ou votando polas súas favoritas. Agardamos que con esta iniciativa, Vilalba goce un ano máis do ambiente festivo que trae consigo o Samaín», subliña Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados.

Os interesados en deseñar a súa propia cabaza poden inscribirse ata o día 20, na sede electrónica do Concello (https://vilalba.sedelectronica.es/) ou presencialmente por rexistro, de 9.00 a 14.00, cubrindo a folla de inscrición dispoñible na web www.vilalba.gal ou na oficina de cultura.