A riqueza arqueolóxica de Vilalba interesou a estudosos e a espías

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

Elemento coñecido como Chanta dos Millós, que apareceu na parroquia de Samarugo
Elemento coñecido como Chanta dos Millós, que apareceu na parroquia de Samarugo

Investigadores alemáns percorreron a zona para coñecer as medoñas

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algunhas semanas que nestas páxinas de La Voz de Galicia recordamos que os habitantes das vilalbesas parroquias de Vilapedre, San Simón da Costa e Samarugo ofrecían aos seus defuntos uns machados de pedra silimanita que viñan de máis alá das serras da Carba e do Xistral. Eran eles os construtores das medoñas e modias, eses túmulos de terra gardadores no seu interior duns chantos que forman a cámara funeraria onde se depositaban os mortos.

A carón dos enterrados pousábanse obxectos valiosos como cerámica, follas de sílex, puntas de frecha, machados de pedra puída e mesmo prismas de cristal de rocha. Que se amortizasen obxectos de certo luxo, que se gastasen enerxías construíndo a tumba, que se transportasen e mesmo decorasen as chantas da cámara e que se edificasen tumbas seguindo camiños naturais de comunicación para ser vistas polos viandantes, fan concluír que aquelas xentes de hai catro ou cinco mil anos tiñan crenzas na vida do alén, rendían culto aos seus defuntos e non querían esquecelos.

O sinalado non é cousa nova. Recordamos, porque así consta nos documentos, que a riqueza arqueolóxica desta comarca xa era coñecida hai máis de cen anos. Do feito son testemuñas os obxectos recollidos a finais do século XIX por Manuel Mato e que a través das coleccións de Tettamancy Gastón e Ángel del Castillo foron depositados na USC e tamén polas pezas que David Pérez Fernández e José Carballeira en 1945 e 1946 fixeron chegar ao Museo Provincial de Lugo conforme o manifesta Vázquez Seijas.